Condenado o alcalde de Vilanova por chamar "chacha para todo" á presidenta da Deputación

Por Oskar Viéitez
O xulgado de instrución número 3 de Pontevedra emitiu sentenza condenatoria contra o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, como autor responsable dun delito leve de falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións.
Gonzalo Duran fora denunciado como autor dun delito de inxurias contra autoridade pública, por unhas declaracións aos medios de comunicación nas que o alcalde de Vilanova dirixiuse a Carmela Silva, na súa calidade de presidenta da Deputación de Pontevedra, nas que afirmaba que a administración provincial "es un órgano político gobernado por el ayuntamiento de Vigo, por el anciano Abel Caballero y su chacha para todo que es Carmela Silva".
O fallo xudicial entende que esas declaracións do alcalde do Partido Popular "evidencian unha falta de respecto ou menosprezo cara ao principio de autoridade representado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, que excede o normal exercicio do dereito fundamental de liberdade de expresión".
A sentenza condena a Gonzalo Durán á pena de 1 mes de multa cunha cota diaria de 12 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non satisfeitas, e ao pago das custas procesuais.
No xuízo, celebrado o 1 de xuño, Carmela Silva ratificou o contido da denuncia presentada e sinalou que "durante bastante tempo" ten recibido "descualificacións e insultos gravísimos e claramente machistas" por parte do alcalde de Vilanova referidas á súa condición de muller.
Sinalou a mandataria provincial que ese comportamento comezou case coa súa chegada á presidencia da Deputación de Pontevedra, en agosto do ano 2015, pero que foi no ano 2018 cando recibiu ese "insulto absolutamente intolerable" recollido por todos os medios de comunicación.
Segundo recolle o fallo xudicial, Carmela Silva manifestou que a pesar das expresións proferidas polo denunciado seguiu exercendo como presidenta da Deputación, "tomando decisións como unha muller libre con capacidade de xestión e que toma decisións sen estar sometida a ningún home para poder exercer a súa capacidade de xestión política", e que entende que o denunciado non usaría ese tipo de comentarios para o exercicio político "se fora un home".
Pola súa banda, Gonzalo Durán recoñeceu perante o xulgado facer esas declaracións pero puntualizou que se refería ás funcións de Carmela Silva na Deputación, "máis nada que niso, nada a título persoal". Sinalou tamén que "son expresións e comportamentos políticos" e que cre ten "todo o dereito do mundo" para dicilo.
Tras a declaración da prexudicada e do denunciado, a Fiscalía solicitou a condena de Gonzalo Durán á pena de 3 meses de multa cunha cota diaria de 12 euros. Pola súa banda, a acusación particular pediu 2 meses de multa a razón de 15 euros diarios, por un importe total de 200 euros. A defensa solicitou a absolución do alcalde.
A sentenza non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso de apelación neste mesmo xulgado.
Relacionadas:
-
Núñez Feijóo, tras a condena ao alcalde de Vilanova: "Se hai un partido que insulta e difama é o PSOE en Pontevedra"
Por Redacción |
-
Gonzalo Durán considera que a súa condena é "un atentado total y absoluto a la libertad de expresión"
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva, tras a condena ao alcalde de Vilanova: "É unha boa sentenza para todas as mulleres"
Por Redacción |
-
O PSdeG-PSOE pide a dimisión ou a expulsión de Gonzalo Durán do Partido Popular
Por Redacción |
-
O alcalde de Vilanova chama "presunta delincuenta" a Carmela Silva e a denunciará pola paralización de varios proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva di que o rexedor de Vilanova debería ter "o título de alcalde da barbarie"
Por Manu Otero |
-
Gonzalo Durán reafírmase en chamar "chacha para todo" a Carmela Silva por facer o "traballo sucio" a Abel Caballero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A xuíza cita como investigado a Gonzalo Durán por chamar "chacha para todo" a Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Piden a dimisión do alcalde de Vilanova tras chamar "chacha para todo" á presidenta da Deputación
Por Diego Espiño |