A urbanización do Revel, "unha mostra da nova forma de facer as cousas"

Por Redacción
Uns 73.000 metros cadrados ocupa a nova urbanización do Revel que, segundo destacan as autoridades, é a maior zona de equipamentos públicos que existe en Sanxenxo. As obras para adecuar todo este espazo, nas que se invisten 1,2 millóns de euros, están a punto de rematar.
Esta actuación, financiada con 900.000 euros do Plan Concellos da Deputación e con 300.000 euros de fondos do propio Concello, "é unha das máis importantes que se están a realizar na provincia", destacou a presidenta do goberno provincial, Carmela Silva, na súa visita.
Silva puxo como exemplo esta obra como "unha mostra da nova forma de facer as cousas" con dotacións de calidade, como beirarrúas anchas, sendas e espazos verdes que priman ás persoas "e van permitir o esparexemento e que a xente desfrute do que é seu, o público".
Os gobernos locais, engadiu a presidenta, están a ser "os grandes transformadores do espazo público" na provincia. "Estamos cambiándoa e somos unha grande referencia", afirmou,
A urbanización do Revel supuxo a creación dunha completa rede viaria, a dotación dos servizos de subministro das diferentes redes e o acondicionamento dos espazos libres.
Os catro viarios executados -tres deles conflúen nunha rotonda- enlazan o ámbito coas zonas adxacentes e están dotados de dous carrís de tráfico rodado de 3 metros, amplas beirarrúas para peóns a ambas marxes e unha ampla zona de estacionamento, con 82 prazas.
A actuación complétase cos traballos de abastecemento de auga, subministración de enerxía eléctrica, incluídas as instalacións de condución, transformación, distribución e alumeado público, así como a xardinería dos espazos públicos e a sinalización.
"A imaxe fala por si soa e esta zona vai ser un novo punto de encontro para a veciñanza de Vilalonga", subliñou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que recordou que nela estarán a escola infantil, o centro de saúde, o campo de fútbol e o novo colexio.
Martín agarda que as obras rematen en novembro, xa que falta por acondicionar a gran zona verde onde se van plantar máis de cen árbores, e actuar na zona do regato que cruza este entorno para "manter a súa riqueza natural".
Relacionadas:
-
O Revel estrea un "novo pulmón verde" para Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Concello solicitará un módulo de FP de Hostalería e Turismo no antigo colexio de O Cruceiro
Por Redacción |
-
Sanxenxo estrea o novo colexio do Revel cunha xornada de portas abertas
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel estará rematada en xullo
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel comezará en febreiro e vai a facela a empresa COVSA
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel custará case 1,3 millóns de euros
Por Redacción |