O Obradoiro de Hostalería do Salnés rexistra unha media de 5 ofertas de traballo por cada alumno
Por Redacción
Tras noves meses de formación, os vinte alumnos do Obradoiro de Hostalería do Salnés recibiron este mércores o diploma que os acredita como camareiros de bar ou restaurante e cociñeiros.
A actividade parará por pouco tempo na segunda planta da sede do Real Club Náutico porque o próximo día 15 de outubro comezará a décimo quinta edición con outras tantas prazas tan demandadas polo sector turístico e hostaleiro.
O alcalde, Telmo Martín, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López; a presidenta da Mancomunidade, Marta Giráldez e o xerente da entidade, Ramón Guinarte, repartiron os diplomas entre o alumnado que este luns puxo fin á formación.
Telmo Martín destacou que a formación impartida neste obradoiro "está sendo referencia noutros lugares pola profesionalización e pola altísima inserción laboral. Hai 5 demandas por cada alumno. Isto é un éxito que se debe, por un lado, á Mancomunidade do Salnés e, polo outro, o importante esforzo que realiza á Xunta de Galicia", sinalou o alcalde de Sanxenxo que animou a "seguir apostando por avanzar na modernización e profesionalización do sector para dar respuesta á alta demanda".
"É unha profesión moi necesaria e cada vez máis recoñecida", asegurou.
O xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón Guinarte, cualificou de "fito" lograr 15 edicións consecutivas do obradoiro "porque hai que competir con outros moitos proxectos". Na mesma liña, sinalou que a "formación de calidade" ten grandes vantaxes tanto para O Salnés "como principal destino turístico de Galicia" como para o alumnado porque "poden aspirar a obter mellores postos de traballo e mellor remunerados".
O delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, indicou que "a Xunta vén de aprobar esta semana as accións formativas para desempregados que na comarca do Salnés chegan ás 50 e vanse a desenvolver en 12 entidades. Estamos falando, entre obradoiros e estas accións, de 800 persoas beneficiarias", dixo.
A presidenta da Mancomunidade do Salnés, Marta Giráldez, tras felicitar ao alumnado e equipo docente, incidiu na idoneidade das instalacións. "Estivestedesvos formando no epicentro do turismo de Galicia e iso é un privilexio. A nosa comarca véndese soa, pero o que buscamos é acadar a execelencia a través destes obradoiros", explicou.
O Concello de Sanxenxo aspira a ampliar o abanico de formación coa creación dun módulo de hostalería no antigo colexio de O Cruceiro e plasmar na práctica esta aposta pola gastronomía coa posta en marcha dun Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas coa segunda fase do Pazo de Quintáns.
Relacionadas:
-
O ciclo de FP Dual de Hostalería e Restauración de Sanxenxo aínda ten prazas dispoñibles
Por Redacción |
-
O Obradoiro de Hostalería do Salnés arela repetir o 100% de inserción laboral
Por Redacción |
-
Sanxenxo sumou en agosto o 35% das pernoitas da provincia e o 15% de Galicia
Por Redacción |
-
O Concello solicitará un módulo de FP de Hostalería e Turismo no antigo colexio de O Cruceiro
Por Redacción |
-
Novos obradoiros de emprego na comarca do Salnés
Por Redacción |