O pracer extra dun pastel de Capri: toda a caixa do sábado irá para A Palma
Por Natalia Puga
"Desde hace 11 días vivimos pegados al televisor esperando a que el volcán cese su actividad". Así empezaba o mércores a confeitería Capri una das súas publicacións en redes sociais, coa que facían unha chamada á empatía cos afectados pola erupción de Cumbre Vieja en La Palma. En tan só unhas horas, lograron o obxectivo e espertaron a solidariedade colectiva. A súa intención é que a clientela acuda a comprar este sábado 2 de outubro porque toda a caixa destinarase á poboación desta illa canaria e desde entón o teléfono está que arde de encargos e mostras de agradecemento.
Menchu Colado, encargada do negocio, confirma que a resposta dos pontevedreses demostrou unha vez máis que se trata dunha poboación solidaria. Eles xa o notaron durante os meses máis duros do confinamento, nos que sobreviviron grazas a clientes fieis que facían compras a domicilio, e durante o recente proceso xudicial que lles enfrontou a outra confeitería da cidade polo nome do local, polo que tiveron que estar varios meses pechados.
Agora que o confinamento xa é só un recordo e que gañaron no Tribunal Supremo a demanda que lles permite manter o nome, queren compartir un pouco dese altruísmo recibido. "Isto hai que devolvelo dalgunha maneira", reflexionaba este venres Menchu.
"A materia prima poñémola nós e o traballo dos traballadores é a doazón que poñen eles", explica. Desta forma, a caixa íntegra será unha doazón. Canalizarana a través da ONG Mensaxeiros da Paz do coñecido como Padre Ángel. Tamén pensaron canalizala a través da organización do cociñeiro José Andrés, pero decantáronse por esta a outra "xa ten máis xente colaborando".
Desde este coñecido local do número 9 de García Camba decidiron realizar esa iniciativa solidaria á vista de que "moitas persoas perderon o seu traballo, a súa casa, os seus animais e todo o que construíran durante toda unha vida na illa" e optaron por doar toda a caixa do sábado porque "é o día que máis facturamos da semana".
Cada sábado adoitan ingresar entre 1.800 e 2.000 euros, de modo que a suma xa sería importante, pero os pontevedreses envorcáronse tanto con esta iniciativa que xa confesa: "penso que imos dobrar esta cifra". E é que os encargos non cesan, mesmo de persoas que queren doar custe o que custe, independentemente do que compren.
Moitos clientes "veñen e dinnos: 'dáme algo que aguante' porque non o necesitan para é día, pero queren axudar" e estanlles ofrecendo empanadas ou sobremesas que aínda estean frescos nos días seguintes. A cuestión é axudar e, en Capri, este sábado 2 de outubro, comprar dá un dobre pracer: gozar do sabor do produto e saber que estás a botar unha man.
Este xesto solidario, ademais de ter unha boa acollida en Pontevedra, tivo tamén moi bo feedback desde A Palma. O teléfono e as contas de redes sociais botan fume polos encargos de persoas de Pontevedra e de xente doutras cidades que fan encargos para regalar a familiares ou amigos pontevedreses, pero tamén polas mostras de agradecemento. "Hai moita xente da Palma que chama para agradecer o que facemos", asegura Menchu.
Ela non oculta o orgullo cara ao altruísmo da súa clientela e fai gala de gran modestia porque, a pesar de que poderá doar varios miles de euros para os afectados pola erupción, sabe que non será nada en comparación coa dura situación que están a vivir. "Isto é só un gran de area para todo o que van necesitar". Ante este futuro inmediato, un desexo: "espero que a xente non se esqueza deles".
Relacionadas:
-
Capri recada 6.393,70 euros con destino solidario cara A Palma
Por Redacción |
-
Cariño e apoio por parte da Xunta para os peregrinos da Palma no seu paso por Pontevedra
Por Redacción |
-
Un euro por habitante para axudar os municipios afectados pola erupción volcánica da Palma
Por Redacción |
-
Impulsan desde Pontevedra unha campaña para enviar produtos de primeira necesidad á La Palma
Por Redacción |