Recuperar as cidades para as persoas é chave para acadar máis poboación, mellora económica e inclusión social

Por Oskar Viéitez
As vilas e cidades que recuperan o seu espazo público para as persoas son "máis eficientes" e xeran "dinámicas ascendentes" que se retroalimentan: canto máis atractivas son para vivir, máis poboación incorporan, máis melloran economicamente, son máis interesantes para os investimentos e ademais funcionan de maneira máis cohesionada e con maior inclusión social.
Esa foi unha das principais conclusións do noveno seminario da Facultade Ágora sobre o espazo público, que este venres levou o título de ‘Localidades atractivas’, e que fixo unha clara defensa dos cambios que se producen na vida da cidadanía cando se aposta por estratexias de vilas compactas, complexas e nas que se busca a calidade urbana e unha vida "visible" nas rúas e prazas.
"En que cidades queremos vivir?" foi unha das preguntas que se puxeron sobre a mesa e o punto de partida para as intervencións do técnico estadounidense Jeff Speck, o catedrático en Economía José Luis García Delgado, e o enxeñeiro Jesús Gómez Viñas, que coincidiron ao asegurar que o deseño urbano condiciona de maneira drástica o desenvolvemento da economía e a sociedade.
Jeff Speck, o recoñecido urbanista autor do libro ‘Walkable cities’, dirixiuse ás persoas asistentes á Facultade Ágora dende Boston na que foi a súa primeira intervención en exclusiva para España. Speck destacou que as cidades que máis invisten en recuperar os seus centros e espazos urbanos son "as que conseguen maior eficiencia". Indicou que "se as cidades se deseñan arredor dos coches o resultado será que acabarán chocando uns cos outros".
O catedrático García Delgado explicou na Facultade Ágora que o espazo público de calidade é chave, xunto á vivenda, para atraer poboación ou expulsala dunha localidade. Segundo o economista, cando se dan pasos para a mellora dos espazos creando localidades atractivas prodúcese unha dinámica ascendente xeneralizada: "Canto mellor calidade do espazo público, mellor calidade da cidade, máis atracción de persoal moi cualificado e máis acumulación de capital humano que atrae sectores máis puxantes, máis produtivos, con densidades tecnolóxicas maiores", salientou.
Pola súa parte, o enxeñeiro pontevedrés Jesús Gómez Viñas, responsable técnico da reforma urbana en Pontevedra, relatou que o goberno local da cidade do Lérez tiña o obxectivo de mellorar a calidade urbana e a vida da cidadanía cando chegou á Alcaldía en 1999 e implicou a todos os departamentos municipais e a todos os funcionarios: non só á equipa de enxeñería urbana, senón tamén á parte xurídica, á Policía Local, ao servizo de Cultura, Deportes, e Festas que organizan eventos na rúa, e a todos e cada un dos servizos.
Dende entón o municipio de Pontevedra sumou poboación, conta cunha das maiores proporcións de xente moza de Galiza, ten un comercio local que resiste mellor que noutros puntos fronte ao comercio electrónico e está considerada unha das cidades exemplo de modelo urbano en todo o mundo.
Relacionadas:
-
Regresa a Facultade Ágora coa intención de se converter no Laboratorio I+D+i do espazo público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un libro recollerá as conclusións e relatorios da Facultade Ágora para mellorar o espazo público
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra seguirá limitando o tráfico para crear zonas de baixas emisións
Por Alejandro Espiño |
-
Nazaré fíxase en Pontevedra para converterse nunha vila "accesible e inclusiva"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
María Ángeles Durán: "El mayor éxito de la humanidad en los últimos años es llegar a ser una sociedad de viejos"
Por Redacción |
-
O prestixioso arquitecto Jan Gehl dará o último seminario da Facultade Ágora
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora abordará o xogo libre da infancia no espazo público como indicador de calidade nas cidades
Por Redacción |
-
Uxío Benítez traslada a un foro na Coruña a 'Fórmula Ágora' para fomentar o espazo público
Por Redacción |