Regresa a Facultade Ágora coa intención de se converter no Laboratorio I+D+i do espazo público

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
A Facultade Ágora formou a 125 persoas como técnicas de espazo público durante 2021. Neste ano, este evento formativo regresa coa repetición do curso básico para cubrir a demanda recollida e, ao mesmo tempo, poñer en marcha novas iniciativas coa intención de seguir formando sobre a mobilidade nos municipios.
Carmela Silva, presidenta da Deputación; o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, xunto á secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán; e o coordinador de contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot, presentaron a segunda edición este luns no Museo de Pontevedra.
Segundo indicaba Uxío Benítez a proposta para este ano é dar un novo salto para facer máis atractiva esta iniciativa cun incremento das actividades presenciais coa posta en marcha de catro obradoiros na provincia que permitirán analizar de modo práctico a utilización do espazo público. Estes obradoiros desenvolveranse en Vilagarcía, A Estrada, Ponteareas e Tomiño.
O deputado de Mobilidade explicou que esta proposta pretende analizar erros, propoñer melloras e establecer debates, coa participación de Observadores Ágora, persoal técnico que participará escoitando, achegando ideas e realizando un informe final. Recoñeceu que este evento ten a intención de ser o Laboratorio I+D+i do espazo público.
Prescisamente Ana Montalbán explicaba que unha vez que se atopan consolidados os coñecementos básicos, nesta edición queren profundar máis en cada caso concreto a través destes obradoiros. As inscricións poderanse realizar a partir do mércores 25 ata o 30 de xuño cun límite de 50 prazas.
Outra das principais novidades desta edición atópase no obradoiro PoliÁgora destinado a axentes da Policía Local dos distintos municipios para que, segundo explicou Fernando Nebot, debatan sobre a xestión cotiá do tráfico cun tratamento especial sobre temáticas como a prevención de accidentes; técnicas para reducir a velocidade; tratamento do espazo publicado recuperado; control do tráfico necesario e a procura de complicidade coa cidadanía.
O período de matrícula abrirase en setembro coa idea de que o obradoiro se desenvolva ao longo de cinco horas o 20 de outubro, coa coordinación de Daniel Macenlle, director xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra.
Nebot insistiu en que o tráfico necesario nas zonas urbanas é máis pequeno do que estamos afeitos a ver e mantén a súa proposta de priorizar a actividade peonil cunha xestión dos fluxos e deseño dos espazos. Nos obradoiros previstos analizaranse detalles como pavimentos, mobiliario urbano ou vexetación.
Carmela Silva, presidenta provincial, pechaba o acto de presentación explicando que a transformación dos espazos depende tamén doutras transformacións transversais na innovación, igualdade, transición ecolóxica e colaboracións, pero tamén coa participación e o compromiso cidadán. Expuxo que ao longo dos sete últimos anos cambiáronse as infraestruturas da provincia a través do Plan Concellos e con recursos procedentes do ReacPon, Reequilibrio e o DepoRemse. Neste sentido, considera que estes cambios era necesario albergalos nun foro como Facultade Ágora.
Insistiu en que "debemos ser exemplo" porque hai que transformar o espazo público poñendo ás persoas no centro e asegurou que esta práctica está a facerse moi ben na provincia con ao redor de 30 municipios referentes nestas boas prácticas. Engadiu que o obxectivo é encher estas actuacións cun contido teórico para chegar á "excelencia".
Presentación da Facultade Ágora 2022
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, xunto á secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán; e o coordinador de contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot, presentan no Museo de Pontevedra as actividades previstas para os vindeiros meses dentro desta iniciativa de análise dos espazos públicos
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Novo curso da Facultade Ágora na procura de mellorar o deseño urbano máis aló de Pontevedra
Por Redacción |
-
As axudas Ágora recuperaron terreos de espazo público para as persoas equivalentes a dez campos de fútbol
Por Anxo Lourido |
-
A Rede Ágora repartirá outros 1,96 millóns para recuperar espazos públicos e crear sendas peonís
Por Redacción |
-
Jan Gehl impartirá a súa conferencia maxistral en Pontevedra no acto de clausura da Facultade Ágora
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora pon o foco en adaptar os espazos urbanos ás persoas máis vulnerables
Por Redacción |
-
Recuperar as cidades para as persoas é chave para acadar máis poboación, mellora económica e inclusión social
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora abordará o xogo libre da infancia no espazo público como indicador de calidade nas cidades
Por Redacción |