Benestar Social remata un plan que busca aumentar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión
Por Redacción
O Concello de Pontevedra aprobará este luns na Xunta de Goberno Local o seu Plan Temporal de Inclusión Social Municipal para o período 2021-2023 co fin de amparar a prestación de servizos sociais comunitarios específicos.
Impulsado pola Concellería de Benestar Social, o obxectivo esencial do programa é conseguir que as persoas ou familias perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) e aquelas que se atopan en situación de pobreza e exclusión social acaden as habilidades para evitar situacións de vulnerabilidade derivadas dos cambios nos procesos socioeconómicos, e así favorecer o seu acceso ao mercado laboral e o mantemento dun xeito de vida normalizado.
Este Plan Temporal de Inclusión Social permite, segundo o concelleiro responsable do departamento municipal, Marcos Rey, "aumentar a empregabilidade das persoas e familias en risco ou situación de exclusión social, atender e potenciar os factores persoais, familiares, sociais e instrumentais do colectivo, facilitar espazos de relación social positivos e ampliar os coñecementos básicos para o desenvolvemento na vida diaria"
Ademais, na memoria do programa recolleron como obxectivos os de adquirir cualificación profesional, aprender e manexar as habilidades pre laborais, acadar habilidades e competencias na busca activa de emprego e facilitar a conciliación entre vida familiar, itinerario de inserción e vida laboral.
Deste xeito, os módulos establecidos son o de Inclusión sociolaboral básica, Inclusión de transición ao emprego, Formación adaptada: competencias clave e preparación ESA (Educación Secundaria para Adultos), Aula de reforzo escolar e Actuacións de participación social: alfabetización e competencia oral e integración sociocultural.
Para estas actividades será necesaria a contratación laboral de tres persoas que dispoñan da titulación de Diplomatura ou Grao en Traballo Social, así como a contratación externa mediante un contrato de servizos de certos módulos de ensinanza.
"Tamén elaborarán proxectos e promoverán actividades específicas para a prevención da exclusión social de grupos vulnerables de características homoxéneas, así como de dinamización social e comunitaria nas súas zonas de intervención, entre outras cousas", explicou Rey, que sinalou que o programa levarase a cabo na Casa Azul mentres que as persoas traballadoras vencelladas ao Plan estarán no Chalé de Fontoira, con enderezo en Xofre de Tenorio, 1, que é o edificio que alberga o centro de servizos sociais comunitarios básicos do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Organizan un curso para reducir os niveis de estrés na crianza
Por Redacción |
-
Organizan un curso para xestionar cambios vitais e mellorar o estado anímico mediante arteterapia
Por Redacción |
-
Queima de facturas como protesta contra a alza continua do prezo da luz
Por Redacción |
-
O acollemento familiar é a mellor fórmula para protexer a nenos e adolescentes, segundo a Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pide 1,6 millóns á Xunta para cofinanciar os servizos sociais
Por Alejandro Espiño |