Aumentan a partida para o SAF en Ponte Caldelas con críticas á Xunta por non asumir o custo do servizo
Por Redacción
Ponte Caldelas volverá a incrementar a partida orzamentaria para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que estaba nos 265.000 euros en 2021, nas contas municipais para 2022, aínda que sexa "un enorme custo que asumimos e que non nos corresponde, porque o benestar dos nosos maiores e das persoas dependentes non ten prezo", explica o alcalde Andrés Díaz.
Fontes municipais denuncian que a Xunta de Galicia "continúa lonxe do custe real e total do servizo", que no concello de Ponte Caldelas ronda os 16 euros/hora.
Neste sentido, lembran que a Federación Galega de Municipios e Provincias, en representación de todos os alcaldes de Galicia, conseguiu que o goberno autonómico incremente o prezo da hora do servizo, chegando ata os 11 euros/hora, unha cifra aínda insuficiente, engaden, para que a Xunta asuma a súa competencia sobre a dependencia.
Neste punto, sinalan que a Lei de Bases de Réxime Local establece que as delegacións de competencias teñen que vir acompañadas do financiamento correspondente que, no caso do SAF, non se está a cumprir.
"Todos os alcaldes agardamos sensibilidade e compromiso por parte da Xunta de Galicia para asumir a totalidade do custo dunha competencia que lle corresponde exclusivamente e que afecta a un sector da poboación especialmente vulnerable como é o das persoas maiores e persoas dependentes", conclúe Díaz.
Desde o consistorio insístese en que o Servizo de Axuda no Fogar, "que permite que as persoas maiores dependentes poidan seguir vivindo nas súas casas e estean ben atendidas", é unha cuestión prioritaria para o Concello de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas insta á Xunta a que incremente o prezo por hora do servizo de axuda no fogar
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas aumenta a partida destinada ao servizo de axuda no fogar
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ponte Caldelas lanza axudas para a contratación de coidadores
Por Redacción |
-
O 70% dos participantes nun curso de axuda no fogar serán contratados
Por Redacción |