O PP critica a subida de taxas no Concello de Pontevedra, salvo a "necesaria" de Sogama
Por Redacción
Sogama subirá a partir do 1 de xaneiro un 33,5% o canon que cobra aos concellos galegos polo tratamento dos seus residuos. Iso implicará, segundo calcula o goberno municipal, un aumento dun 20% nos recibos aos cidadáns. Unha subida "necesaria", segundo Jacobo Moreira, ante o déficit da empresa. Así o afirmou o portavoz do Partido Popular nunha rolda de prensa na que criticou o incremento de taxas municipais que se aprobará o luns.
"Si Sogama aplica esa subida será porque es necesario", respondía Jacobo Moreira a preguntas dos xornalistas. Pero o argumento contrario daba para cualificar a subida dunha decena de taxas municipais a partir de 2014, entre elas auga, lixo, saneamento, extinción de incendios, cemiterios ou veladores. O incremento medio sitúase no 1,8 por cento, que se corresponde coa subida do IPC entre xullo de 2012 e o mesmo mes de 2013
Os populares avanzaron este venres que votarán en contra da subida de todas estas taxas porque "no vamos a apoyar ninguna subida de impuestos". Acusaron ao goberno municipal e, especialmente, ao concelleiro de Facenda, Raimundo González, de non negociar a subida destas taxas coa oposición "como se hizo en casi todos los concellos cercanos" e criticaron que se aplique esta subida "cuando dicen que hay un remanente de 13 millones de euros".
A "realidad" do goberno municipal, sinalou César Abal, é que mentres que o conxunto dos pontevedreses pagaban 8,16 millóns de euros en impostos en 1999, o ano pasado esa cifra ascendeu ata os 17,7 millóns, "un 118% más", o que para os concelleiros do PP é unha mostra máis do "afán recaudador" do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Anova pide ao Concello que se rebele ante o novo canon de Sogama
Por Redacción |
-
O goberno local acusa os populares de "confundir os cidadáns" coa taxa do lixo
Por Redacción |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra subirá 10 taxas municipais en 2014 e conxela o IBI
Por Redacción |