Correos emite un selo conmemorativo da provincia de Pontevedra
Por Redacción
A Dirección de Filatelia da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos emitía este luns 3 de xaneiro un selo de correo conmemorativo da provincia de Pontevedra correspondente á serie ‘12 meses. 12 selos’.
A imaxe do selo, que ten un tamaño de 35x24,5 mm, está conformada polo claustro da catedral de Tui sobre a que figuran as iniciais da provincia ‘PO’. A catedral de Santa María de Tui foi iniciada no século XII, de estilo románico na súa planta, muros exteriores e portada norte, e gótico na fachada principal. No seu interior destaca o retablo, o altar, así como o Museo Catedralicio ou o claustro, o único gótico conservado nas catedrais galegas e protagonistado selo de Correos.
En relación a esta iniciativa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestaba que se trata "dunha moi boa nova xa que a Comisión Filatélica do Estado recibe anualmente numerosas peticións para incluír a diferentes destinos turísticos na serie ‘12 meses. 12 selos’ pero debido ao limitado número de efectos postais que se emiten non todos poden formar parte da iniciativa".
O selo da catedral de Tui xa está en circulación desde este día 3 de xaneiro de 2022, cun valor de 0,75 euros e acompañando ás cartas de ata 20 gramos que circulen na Península e Baleares. Empregarase como único tipo de franqueo en todos os envíos que se admitan nas oficinas da provincia.
Relacionadas:
-
O Grove, protagonista dunha nova postal de Correos
Por Redacción |
-
Un selo para homenaxear os gardamariñas
Por Redacción |
-
Correos presenta un cuño especial dedicado á ermida da Lanzada
Por Redacción |
-
A Peregrina, imaxe de cartas e envíos postais que saian desde a cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cuño das Rías Baixas para todas as cartas que se envíen dende Galicia
Por Redacción |