Comeza a rehabilitación do lavadoiro de Caldas no río Umia
Por Redacción
O Concello de Caldas informou este mércores do inicio das obras de rehabilitación e posta en valor do antigo lavadoiro situado na beira esquerda do río Umia e a adecuación da súa contorna nas proximidades do Concello.
As obras consisten na substitución da deteriorada estrutura de madeira e da cuberta de tellas planas de cerámica que será reaproveitada cunha nova estrutura de madeira de pino que manterá as dimensións e a forma da existente, conservando así a imaxe orixinal do lavadoiro.
Tamén acondicionaranse o caño e o depósito de pedra que fornecen de auga ao lavadoiro.
O proxecto foi redactado polos servizos técnicos de Obras do Concello e conta coas autorizacións sectoriais de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
As obras teñen un orzamento de 14.285 euros e son financiadas cunha subvención do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia ao abeiro da medida Leader do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia, ademais da cofinanciación do propio Concello.
Os traballos de rehabilitación están a ser executados pola empresa Endenor Mantenimiento y Servicios SL, e forman parte do programa de restauración do patrimonio histórico do Concello de Caldas.
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, celebrou o inicio destas obras que eran unha importante demanda veciñal, e que "permitirán recuperar un espazo de grande interese paisaxístico pola súa situación na beira do río, fronte ao xardín botánico, recuperando deste xeito o uso social e recreativo do conxunto patrimonial, etnográfico e ambiental".