O persoal de Elnosa rexeita o acordo da empresa coa Xunta e anuncia protestas
Por Anxo Lourido
A asemblea de traballadores da empresa electroquímica Elnosa mostrou a súa oposición ao acordo asinado entre a Consellería de Medio e a dirección da entidade para que o 31 de outubro de 2017, a fábrica clorera cese a súa actividade nas actuais instalacións de Lourizán.
O presidente do comité de empresa, Jaime Iglesias, acompañado por outros representantes do comité e polos secretarios comarcais de UGT e CC.OO, Ramón Vidal e José Luis García Pedrosa, ofreceu en rolda de prensa a súa visión sobre os motivos deste acordo afirmando que o conselleiro plantexa unha chantaxe á Electroquímica do Noroeste dicíndolle que, se queredes renovar a autorización ambiental integrada, firmades o acordo". A empresa solicitara a renovación da autorización ambiental integrada igual que o resto de empresas nesta situación e ningunha asinou un acordo deste tipo e, segundo Jaime Iglesias, mentres que no resto de autorizacións non se establece un prazo, con Elnosa si.
Os representantes sindicais indicaron que a empresa cumpre coa normativa actual mentres non se aprobe a nova regulamentación da Comunidade Europea para electroquímicas. Ademais móstranse preocupados porque "non hai compromisos concretos", a opción de que a dirección de Elnosa teña que propoñer dúas alternativas para unha futura situación non lles ofrece garantías: "moito nos tememos é que chegue 2017 e que Elnosa saia de onde está e que todos nos vaiamos ao paro", indicou Jaime Iglesias.
Ante esta situación, a asemblea decidiu que se convoquen mobilizacións de protesta para as que aínda non se estableceu un calendario.
Jaime Iglesias criticou a actitude do Partido Popular e, en concreto, a posición do seu voceiro local, Jacobo Moreira: "Non é entendible que hai 10 días, Jacobo Moreira saia nos medios de comunicación dicindo que está preocupadísimo polo paro de Pontevedra e aos poucos días, o seu partido pecha un acordo poñendo fecha de peche a unha empresa. Non é crible".
O presidente do comité de empresa sinalou que entendería a cidadanía de Pontevedra, que dentro do complexo de Lourizán haxa unha solución para unha empresa e para outras non. Non, non ou entenderiamos". A preocupación do persoal céntrase en que a empresa realice os estudos para encontrar posibles instalacións para a fábrica e que, finalmente, desestime a posibilidade dunha nova fábrica sen posibilidade de futuro para os traballadores.
Jaime Iglesias tamén se referiu á Plataforma 2018 que promove unha manifestación para que a empresa non continúe aí ata 2017: "Elnosa é unha empresa imprescindible para a calidade de vida dos cidadáns e iso a veces non o temos en conta. Potabilizamos a auga de toda Galicia. Vai haber unha manifestación aquí de grupos ecoloxistas e había que trasladarlle iso tamén. Estes grupos ecoloxistas como APDR son grupos políticos, están subvencionados polo Bloque Nacionalista Galego".
Pola súa parte, José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., sinalou que "a empresa pode seguir producindo na súa factoría principal en Estarreja, en Portugal, sen que lle supoña ningún problema para cubrir o subministro en Galicia e en toda España. Non vai sufrir o máis mínimo prexuízo". O máximo responsable comarcal de UGT, Ramón Vidal, apuntou que "isto non garante o futuro e tiñan que garantir o futuro desta empresa buscando alternativas.
Relacionadas:
-
Agustín Hernández aos traballadores de Elnosa: "ÿ sorprendente que non carguen contra o goberno local"
Por Diego Espiño |
-
Convocan unha manifestación ante a decisión "caciquil" de permitir a continuidade de ELNOSA ata 2017
Por Redacción |
-
ELNOSA abandonará a Ría de Pontevedra no 2017
Por Alejandro Espiño |