Protesta da CIG contra os ERTEs no sector da automoción en pleno proceso de cambios
Por Redacción
Representantes da CIG demandaron emprego digno no sector de automoción este martes en Pontevedra. A xornada iniciábase nas instalacións sindicais da rúa Pasantería cunha asemblea de delegados para, a continuación, levar a cabo unha marcha desde a praza da Ferrería ata a Subdelegación do Goberno.
Alí mostraron a súa oposición aos ERTEs (expediente de regulación temporal de emprego) no sector e reclamaron un emprego en boas condicións ao entender que a clase traballadora está a sufrir a crise derivada da dixitalización dos procesos produtivos.
Consideran que o sector se converteu nunha "polvoreira" debido ás reformas laborais que poñen en perigo o futuro laboral. Lembran o problema xerado pola falta de semicondutores, a deslocalización de empresas e a subcontratación a compañías multiservizos e ETT con salarios baixos para o persoal. Tamén denuncian as xornadas que impiden a conciliación familiar e o abuso de horas extras e de contratación temporal.
En caso de ERTE piden ao Goberno que se garanta o mantemento do emprego, a regulación dos días de non actividade, avisos das paradas cun mínimo de 48 horas de antelación e reestruturación das quendas con compensacións ou complementos por día de afectación ata o 100% do percibido, ademais dunha bolsa de emprego para o retorno das persoas afectadas, entre outras demandas.
Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria, propón tamén unha aposta por unha planta de baterías e a fabricación de novos compoñentes para coches eléctricos preto da planta principal con iniciativas de apoio aos coches híbridos e eléctricos.
Tamén demanda unha política enerxética para o sector da automoción; definir chan industrial para futuras instalacións adaptadas a novos modelos de vehículos; e formación para os novos sistemas de fabricación. En materia laboral esixe o fomento da contratación indefinida a tempo completo e un plan para rexuvenecer os cadros de persoal das empresas.
Relacionadas:
-
A CIG mobilízase simultaneamente nas principais cidades galegas contra a reforma laboral
Por María José Pita |
-
VÍDEO.- A CIG mostra na rúa o seu malestar coa reforma laboral: "Perpetúa o peor de todos os recortes"
Por Diego Espiño |
-
A CIG maniféstase o domingo contra a reforma laboral porque acentúa a "eventualidade e a precariedade" no emprego
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |