Unha pradaría con árbores autóctonas substituirá na Xunqueira de Alba ao parque provincial de maquinaria
Por Alejandro Espiño
Dous son os proxectos que están a estudar os técnicos municipais relacionados co proceso de recuperación ambiental da Xunqueira de Alba. Son os presentados pola Deputación dentro do proceso para a retirada do seu parque de maquinaria e da imprenta provincial.
Os terreos que ocupan ambos equipamentos, uns 17.600 metros cadrados, vanse a incorporar á actual xunqueira, creando unha zona de verde de maior extensión e calidade natural.
Así, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, o proxecto relativo ao parque de maquinaria consiste na demolición das construcións existentes así como da rexeneración de todo o terreo. O orzamento é de algo máis dun millón de euros.
Moreda sinalou que esta actuación "non é sinxela" xa que neses terreos existen actualmente naves, zonas pavimentadas e unha planta de aglomerado.
Fronte a esta situación actual, o proxecto contempla a creación dunha pradaría con árbores autóctonas (sobreiras, salgueiros, abeleiras, acivros, carballos e freixos) ou a instalación de mobiliario urbano, entre eles bancos, papeleiras e fontes.
Ademais, crearase un camiño que conectará a rúa Martín Códax co paseo da Xunqueira.
Ao respecto dos terreos da imprenta provincial, tamén se recolle o derrube do edificio por un orzamento de 274.000 euros, para recuperar uns 2.980 metros cadrados.
Desde o Concello de Pontevedra celebran a "gran sensibilidade" amosada pola Deputación para tratar de devolver a Xunqueira de Alba ao seu estado natural.
A través da Alcaldía, o goberno municipal continuará solicitando tanto á Administración do Estado como á Xunta de Galicia a devolución dos terreos que ocupan ambos organismos para recuperalos para o lecer dos veciños e veciñas de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O BNG pide á Xunta 3,5 millóns de euros para desocupar e rexenerar a Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Algúns recursos do parque provincial de maquinaria sairán a poxa
Por Oskar Viéitez |
-
A imprenta provincial 'sálvase' e trasladará a súa actividade a Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Sae a licitación a mellora da drenaxe da estrada entre Muíño e Campañó
Por Redacción |
-
Instan a Transición Ecolóxica a revogar todas as concesións na Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Cirrios, rulas ou garzas poboan a Xunqueira de Alba, que suma 145 especies
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O novo parque de maquinaria da Deputación ocupará case 9.000 metros cadrados
Por Redacción |