A Deputación reparte 26 millóns de euros de remanentes entre todas as áreas de goberno e para a xestión de fondos europeos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera deron conta este venres en rolda de prensa dos 26 millóns de euros dos remanentes que se incorporan ao Orzamento de 2022 da administración provincial.
"Dubido que haxa outra administración tan áxil como esta", destacou César Mosquera. "Temos unha situación económica mellor que a que esperabamos" como demostra, ao seu xuízo, esta incorporación de 26 millóns de euros "e a maiores esperamos conseguir fondos europeos", engadiu.
Sobre o destinos destes fondos, o vicepresidente sinalou que no goberno provincial "queremos dedicar todos estes recursos para ter máis posibilidades de prestar servizos". Neste sentido, apuntou que "pechamos o acordo rapidísimo e satisfai a todos os concellos e servizos, que fixeron un enorme esforzo".
Segundo valorou a presidenta da Deputación, estes remanentes están ligados aos catro grandes obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a estratexia española para canalizar os fondos europeos Next Generation. Ademais, destacou Carmela Silva "supoñen un investimento histórico de 226,8 millóns para 2022", ao sumarse ao orzamento e ao préstamo de 25 millóns de euros solicitado para financiar o plan ReacPon.
Carmela silva detallou que 14,3 millóns de euros dedicaranse á "Transformación do territorio" atendendo a eses principios de "conectividade amable e segura" que aplica a Deputación de Pontevedra. Estes fondos serán para "actuar en estradas próximas a espazos naturais con sendas peonís e proxectos de (re)urbanización en todas as comarcas, onde seguiremos o modelo iniciado en 2015".
Outros 3,2 millóns será para complementar o Plan ReacPon, a melloras no ORAL e novos programas de mobilidade local, cultura, igualdade, deporte e turismo.
Para o que a presidenta denominou "Reto Next Generation" destinaranse 2,5 millóns de euros destes remanentes que servirán "para o cofinanciamento dos fondos, necesitamos recursos para facerlles fronte", explicou.
Carmela Silva tamén indicou que á conservación do patrimonio provincial destinaranse outros 4,2 millóns "para mellorar as nosas instalacións" en referencia ao Museo de Pontevedra, ao Palacete das Mendoza, o CEIP Daría González (situado no centro Príncipe Felipe) e ás oficinas do ORAL.
Ademais, Carmela Silva engadiu que se destinarán 840.000 euros á dixitalización e modernización da administración, outros 800.000 ao Plan Revitaliza e 193.000 euros á Cooperación transfronteiriza.
Os remanentes totais aproxímanse aos 38 millóns de euros, polo que, a pesar desta repartición de 26 millóns "temos unha bolsa de remanentes dispoñibles que aínda non imos empregar", explicou Carmela Silva.
Relacionadas:
-
Carmela Silva afirma que a Xunta "mente" por apropiarse como súas unhas axudas procedentes do Goberno central
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación porá en marcha un servizo de consultoría e asistencia técnica para proxectos financiados con fondos europeos
Por Redacción |
-
A Deputación mobiliza 1.7 millóns de euros máis do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación de Pontevedra, entre as cinco máis transparentes de España
Por Alejandro Espiño |
-
O orzamento da Deputación supera un novo trámite tras un pleno de reproches entre goberno e oposición
Por Manu Otero & Mónica Patxot |