Sanxenxo anuncia os actos previstos ao redor do 8M
Por Redacción
Os actos para conmemorar o Día Internacional da Muller comezarán en Sanxenxo o vindeiro domingo 6 de marzo cunha Andaina pola Igualdade cun percorrido inaugurado en 2020 no que se lembrará a mulleres como Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Marcela Gracia e Elisa Sánchez, Isabel Barreto, Olimpia Valencia, María Áurea Rodríguez, Elisa Patiño, Urania Mella, María Luz Morales e Emilia Pardo Bazán, que xa conta cun sinal cunha biografía explicativa.
O punto de encontro para a saída será o Centro de Información ás Mulleres (CIM) no edificio de Servizos Sociais situado en Portonovo, onde ás 10 horas inaugurarase o primeiro Banco pola Igualdade de Sanxenxo. A saída do roteiro circular será ás 10:30 e discorrerá polo Miradoiro da Peixeira, Paseo de Silgar e a Praza dos Barcos, onde actuará o grupo tradicional Soalleira.
O martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller, presentarase o novo sinal 'Sanxenxo libre de Violencias Machistas' na rotonda de Fontoira e coa que o municipio adquire os compromisos para formar parte da campaña de Antena 3 e Fundación Madrileña 'Contra os malos tratos, tolerancia cero' á que xa están adheridos máis de 100 concellos españois.
Como cada ano, no balcón consistorial colocarase a lona do 8M e divulgarase o manifesto elaborado desde o CIM nas redes municipais.
V PLAN DE IGUALDADE
O Concello de Sanxenxo levará ao próximo Pleno ordinario de marzo o V Plan de Igualdade, que permitirá durante estes catro anos continuar desenvolvendo políticas de acción positiva en todos os ámbitos e en todas as áreas municipais. A estrutura do Plan recolle seis áreas de intervención cun total de 50 medidas de actuación, ademais de recoller a metodoloxía que se segue no seu proceso de elaboración e o procedemento de avaliación para coñecer o grao de execución de cada unha das medidas de actuación programadas.
Os obxectivos do plan son incorporar a perspectiva de xénero en todas as actividades e no conxunto de políticas que leven a cabo desde o Concello; erradicar a violencia contra as mulleres a través da prevención, sensibilización e asistencia e apoio ás vítimas en coordinación cos diferentes axentes locais; promover a inclusión de valores educativos, culturais e deportivos igualitarios na cidadanía; mellorar a presenza e a participación social das mulleres en todos os ámbitos; favorecer a inserción laboral das mulleres; e mellorar a conciliación da vida persoal e laboral, así como mellorar a calidade de vida das mulleres mediante a promoción da saúde e a creación de hábitos de vida saudables.