O corpo de control da Deputación inspeccionará os residuos de 22 concellos da provincia
Por Redacción
Polo de agora o 65% da provincia poderá cumprir coas obrigas da nova normativa de residuos ao dispor dun servizo de inspección e control de residuos. Nestes momentos xa son 22 concellos (con 234.896 habitantes) os que se beneficiarán do corpo provincial de control que porá en marcha a Deputación e que se sumará ás iniciativas de Pontevedra e Vigo -que disporán de medios propios para ese labor-.
Este corpo provincial de inspección xurde para paliar as dificultades dos concellos para cumprir por si mesmos a nova lexislación de residuos, que obriga a ter un servizo municipal de control ademais doutros requirimentos dos que ata o de agora os gobernos locais tampouco se tiñan que facer cargo.
Dado que os labores de control sobre os residuos municipais non poden ser realizados por persoal externo, senón que só poden desenvolverse por parte de persoas funcionarias de carreira ou por axentes da Policía Local, son moitos os concellos que detectaron posibles problemas para afrontar as novas esixencias: hai escaseza de traballadores porque os que están xa nas RPT teñen carga de funcións e non é viable economicamente incorporar máis.
Ante esta situación o vicepresidente César Mosquera e o persoal técnico do Revitaliza e do Servizo de Asistencia Intermunicipal da Deputación estudaron posibles solucións.
A proposta final consiste en que a Deputación creará un corpo de inspección que dará servizo aos concellos que estean interesados e fagan a encomenda de xestión. Será un sistema parecido ao que nestes momentos os concellos fan coa recadación municipal, que derivan ao ORAL.
Para concretar todos os aspectos sobre competencias, implicacións e necesidades para poñer este sistema de colaboración en marcha haberá unha reunión cos concellos xa adheridos o vindeiro martes 29. Ata ese momento manterase aberto o prazo para que os concellos que aínda non o fixeron poidan solicitar a súa adhesión e beneficiarse do novo do servizo.
Relacionadas:
-
A Deputación pon en marcha o corpo provincial de inspección de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación axudará aos concellos a adaptar as súas ordenanzas e implantar taxas que graven a xeración de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación habilitará axudas para que os concellos poidan adaptarse á nova Lei de Residuos
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Revitaliza reparte 100.000 euros para mellorar a xestión de residuos en oito concellos
Por Redacción |