Vilalonga sumará 70 novas prazas públicas de aparcamento
Por Redacción
Vilalonga contará cun novo aparcamento público no centro do casco urbano da parroquia. O Concello de Sanxenxo conseguiu a cesión gratuíta dunha leira que mide 1.638 metros cadrados e na que se habilitarán 70 prazas de estacionamento nunha zona que concentra gran actividade comercial.
Este novo espazo permitirá crear máis do triplo de estacionamentos dos que existen na actualidade na Praza Pública, situada enfronte do novo aparcamento. A parcela comunica de forma directa coa Avenida Vilar e será acondicionada co obxectivo de que nas próximas semanas xa estea lista para uso dos veciños e visitantes.
O novo aparcadoiro estará aberto ao público antes de que comecen as obras de humanización da Praza Pública, onde a prioridade será o uso e goce dos veciños con distintos espazos pensados para eventos e actividades de diferentes idades, indican fontes municipais.
Con este acordo de cesión, o Goberno local dá resposta á demanda de dotación de aparcamento tanto de veciños como de propietarios de negocios que se sitúan na contorna. Esta nova bolsa de aparcamento sumarase ás 82 prazas habilitadas no Revel e as 64 que se contemplan no proxecto de novos usos do colexio do Cruceiro e a súa contorna.
O obxectivo do Concello de Sanxenxo é seguir creando zonas de estacionamento alternativos en Vilalonga para dar servizo aos veciños e visitantes, pero sen que iso supoña renunciar aos espazos de convivencia e prioridade peonil como parte do modelo urbano municipal.
Relacionadas:
-
Retirado o pavimento da praza de Vilalonga
Por Redacción |
-
A humanización da praza pública de Vilalonga comezará en setembro e custará uns 900.000 euros
Por Redacción |
-
O novo CEIP de Vilalonga abrirá para o curso 2021/2022
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel, pendente da aprobación do pleno de Sanxenxo para a súa licitación
Por Redacción |