"Xa non podemos máis", cinco sindicatos da Xunta de Persoal da área sanitaria de Pontevedra-Salnés dan un ultimato
Por Redacción
"Caos" e unha "agresión programada e continuada ao dereito á saúde", así resumen cinco sindicatos da Xunta de Persoal da área sanitaria Pontevedra-Salnés a situación actual tanto nos PACs, centros de saúde e hospitalarios.
Nesta tesitura esixen o cesamento inmediato de todo o equipo directivo; unha negociación co presidente da Xunta - ou a persoa en quen delegue -; un plan funcional de choque e emerxencia dotado cos recursos materiais, humanos e económicos que se precisan; que o Sergas informe á poboación da situación, comunicando as medidas correctivas a tomar; apertura inmediata de todas as camas hospitalarias pechadas e unha denuncia - tamén inmediata - do contrato de ambulancias, convocando un novo concurso público.
Portavoces dos sindicatos CESM, PROSAGAP, CO.BAS, OMEGA e STP (maioría na Xunta de Persoal) describiron o panorama sanitario actual nos PACs, Atención Primaria, Urxencias, hospitais e traslados en ambulancia. Nos dous primeiros denuncian a falta de facultativos, estando por baixo dos mínimos fixados nos plans funcionais e que conlevou o peche funcional dalgúns centros e a sobrecarga aos servizos de Urxencias. A isto suman a multiplicación da poboación polo engadido turístico estival.
No que refire a Urxencias contabilizaron ata 45 pacientes nos corredores á espera de cama, tempos de espera superiores a 72 horas, ou pacientes compartindo espazos con persoas afectadas por Covid. E unha "pésima xestión do servizo de ambulancias" con esperas de máis de 24 horas para traslados a hospital.
Unha semana de prazo
Anuncian unha serie de accións a comezar no prazo dunha semana se Alfonso Rueda, ou a persoa delegada, non contacta con eles para negociar e tomar acordos que se farán públicos. En caso contrario contemplan unha folga dos profesionais sanitarios, concentracións, peches, paros intermitentes e manifestacións na rúa. Pedirán o apoio dos alcaldes para que leven aos seus plenos a situación sanitaria, así como de plataformas e asociacións veciñais, de pacientes e enfermos crónicos. De igual forma contemplan recorrer a Fiscalía, Valedora do Pobo, Inspección de Traballo "e cantas entidades sexan competentes neste conflito".
Doutra parte, avanzaron que "non se pode permitir que se tome unha soa das medidas propostas pola administración na mesa sectorial", celebraba onte, porque consideran que "reprimen os dereitos dos traballadores e son medidas de castigo", xa que posibilita o seu desprazamento a calquera punto da área sanitaria e permite revogar vacacións concedidas.
Relacionadas:
-
Os municipios da comarca mostran a súa inquietude pola "preocupante" situación da atención primaria
Por Diego Espiño |
-
A división sindical agrándase na área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Manifestación este domingo en Ponte Caldelas ante a "insostibilidade do centro de saúde"
Por Redacción |
-
O Sergas anula cirurxías "demorables" para tentar estabilizar a atención hospitalaria na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Reclaman máis seguridade no Hospital do Salnés tras un grave incidente en Urxencias
Por Redacción |
-
O CESM responsabiliza a Rueda pola súa "inacción" do "caos sanitario" que vive a área
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Continúa o "colapso" en Urxencias de Montecelo, con dous pacientes esperando ingreso de venres a luns
Por Redacción |