Cuntis reforza o Servizo de Atención Temperá para dar cobertura a 22 menores da comarca en lista de agarda
Por Redacción
O Servizo de Atención Temperá que dá cobertura aos concellos de Cuntis, Moraña, Caldas de Reis, Barro, Catoira e Portas ampliará o seu persoal.
Así o confirmou o Concello de Cuntis tras acordar a medida o alcalde, Manuel Campos, co rexedor de Moraña, José Cela, e representantes do resto de municipios afectados nunha reunión.
Desta forma poderase dar cobertura aos 22 nenos e nenas que se atopaban en lista de agarda, ademais dos 74 que contaban con praza.
A alta demanda facía que se superasen os cocientes recomendados para unha boa atención, de maneira que a psicopedagoga estaba a atender a 27 nenos fronte aos 20 recomendados; a logopeda a 26 fronte aos 20 da cociente e o fisioterapeuta conta con 11 nenos en intervención cando debería ter 10. Por iso os responsables apostan por contratar a unha psicopedagoga e un logopeda, mentres que a carga administrativa será reforzada con persoal de apoio da administración local.
"É imprescindible reforzar este servizo porque as familias con este tipo de necesidades educativas necesitan unha resposta inmediata e recibir a atención especializada que os axude no seu proceso de formación e aprendizaxe", recoñecen desde o Concello de Cuntis.
A xestión do Servizo de Atención Temperá, no que respecta a aspectos como instalacións, mantemento ou xestión de persoal, asúmea por convenio o Concello de Cuntis, aínda que se trata dun servizo compartido con Caldas de Reis, Barro, Moraña, Catoira e Portas.
Relacionadas:
-
O alcalde de Barro mediará para que unha menor do municipio siga recibindo atención de Logopedia no Sergas
Por Redacción |
-
Unha achega de 250.000 euros da Xunta garante a continuidade da unidade de atención temperá de Umia
Por Redacción |
-
O Servizo de Atención Temperá de Cuntis ten continuidade garantida dous anos
Por Redacción |
-
Cuntis renova o financiamento europeo para manter o servizo de atención temperá
Por Redacción |