O PP considera unha "tomadura de pelo" o novo atraso no campo de fútbol de Salcedo

Por Oskar Viéitez
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Pablo Fernández quixo valorar a situación xerada despois de coñecerse que a empresa Galitec, que forma parte dá UTE adxudicataria da execución do proxecto do campo de fútbol de Salcedo, entrou en concurso de acredores polo que se rescindiu o contrato co Concello que terá que volver sacar a licitación a obra.
"Parécenos unha tomadura de pelo un novo atraso, partindo da base que a recepción dos terreos por parte do Concello produciuse en 2020 e a día de hoxe, seguen tal cal como entón", explicou o concelleiro popular.
"As obras do Concello prolónganse tanto no tempo que ata as empresas que participan creban", dixo Pablo Fernández.
O edil do PP tamén apuntou que "o custo da obra, pola inflación, será maior agora do que era nun inicio" polo que pregunta "Quen vai asumir a responsabilidade neste incremento dos gastos?".
Por último, o PP engadiu que "non hai obra municipal exenta de atrasos e problemas, pero neste caso, a gravidade do asunto parécenos que excede do tolerable". "A incapacidade do Concello para facer obras quedou novamente constatada", rematou.