A Policía Local non ve "impedimentos de ningún tipo", segundo Yoya Blanco, para trasladar a feira á Alameda
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal continúa traballando para trasladar a feira ambulante dos sábados á Alameda. A edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, adiantou que o informe solicitado á Policía Local indica que "non parece que haxa ningún tipo de impedimento".
O documento pide "unha serie de precisións" que o servizo municipal de mercados realizará ao longo das próximas horas, pero Blanco sostén que "estou contenta" porque, ao parecer, este traslado "non necesitará sequera un plan de tráfico específico".
O informe, ao que tivo acceso PontevedraViva, subliña que Alameda é unha zona peonil no que o estacionamento está prohibido, polo que non se permitirá que os feirantes entren cos seus vehículos a todo este ámbito urbano.
O problema do aparcamento dos feirantes, segundo a concelleira socialista, resolverase usando o estacionamento disuasorio de Mollavao, a zona de As Corbaceiras e o dous aparcadoiros subterráneos da Alameda e a Praza de España.
A este respecto, a Policía Local alerta de que a feira provocará unha "modificación importante" dos fluxos circulatorios na zona e lembra que ao celebrarse en sábado, día laborable, seguirán activa a limitación a quince minutos do estacionamento nas zonas de servizos.
"Á vista deste informe seguiremos traballando para trasladar a feira á Alameda", avanzou a responsable municipal de Promoción Económica, aínda que o informe advirta que esta actividade "colide con outras actividades que habitualmente se desenvolven alí".
O Concello ten ultimado o "plan B" que activará cando determinados eventos, como as Festas da Peregrina ou a Feira Franca, obriguen a buscar un emprazamento alternativo para a feira semanal. "Non haberá problema", subliñou a edil socialista.
A opción "prioritaria" para este tipo de casos será a zona de Campolongo, onde se celebrou a feira de maneira temporal. Yoya Blanco espera que "de aquí a que sexa necesario" a estada que impide que a feira se instale alí sexa retirada.
Este emprazamento era o preferido polos feirantes, pero esta estrutura dificultou a operación "e o traslado había que facelo xa", afirma Blanco, que non descarta un cambio definitivo do mercadiño a este barrio "se vemos que a Alameda non funciona ben".
Iso si, o informe da Policía Local apunta que o traslado da feira debe ir acompañado da modificación da actual ordenanza que regula esta actividade, xa que esta establece no seu artigo 5 que o mercadiño só se pode celebrar na rúa Rafael Areses.
A responsable de Promoción Económica, con competencia sobre os mercados, aclara con todo que xa se está tramitando a nova normativa sobre venda ambulante. Irá ao pleno deste mes de febreiro para a súa aprobación inicial.
A pesar de estar en pleno proceso administrativo, a concelleira entende que non impide o traslado da feira, xa que o seu articulado prevé a posibilidade de que "se abran novos mercados", unha opción que se incluíu por se, nalgún momento, se quere regular o mercado de antigüidades da rúa Serra.
Relacionadas:
-
O traslado da feira á Alameda tensiona a relación entre o PSOE e o BNG
Por Oskar Viéitez |
-
Ás voltas coa feira: propoñen situala na rúa Serra e "darlle vida á zona do mercado"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reclama estudar "más en profundidad" o traslado da feira: "No se debe hacer en este momento"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores recoñece "visións distintas" ás que mantén o PSOE sobre a instalación da feira ambulante na Alameda
Por Anxo Lourido |
-
Acondicionan o pavimento da Alameda para poder acoller a feira ambulante
Por Alejandro Espiño |
-
O mercadiño dos sábados, de camiño á Alameda: "Os ambulantes están con ganas e nós tamén", di Yoya Blanco
Por Alejandro Espiño |
-
O traslado do mercadillo ambulante "débese tratar con tranquilidade"
Por Oskar Viéitez |
-
Descartan Arcebispo Malvar para instalar a feira ambulante, agora estúdase a opción da Alameda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A feira dos sábados di adeus ao Recinto, rumbo a Arcebispo Malvar?
Por Redacción & Cristina Saiz |