Pontevedra acolle a primeira edición da Feira da Mascota
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; e o presidente da Sociedade Canina Galega, Agustín Fontán, presentaron este martes a I Edición da Feira da Mascota. A actividade está programada para os días 24, 25 e 26 de marzo e desenvolverase no Recinto Feiral.
O evento contará cunha proba de agility, diversas charlas e zonas de expositores con distintas firmas de alimentación, salón de peiteado canino e asociacións locais como Huellas Felinas, Ohana e Os Palleiros.
Esta será a terceira ocasión na que Pontevedra contará cunha proba de agility puntuable para o campionato de España despois de celebrar dúas no 2022. Marcos Rey explicaba que na proba competirán cans de toda España e parte de Portugal, e Agustín Fontán apuntaba que "podemos presumir de que os cans correrán na mellor pista de agility de toda España".
A proba desenvolverase ao longo da tarde do sábado e finalizará o domingo á mañá, cun horario independente ao da Feira da Mascota. A proba do sábado comezará ás 15:15 horas co primeiro can en pista, e o domingo arrincará ás 9:30 horas.
A primeira xornada da feira será o venres pola tarde, pero estará aberta só a profesionais. O sábado e domingo a entrada será completamente libre e gratuíta, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20.30 horas, alongándose ata as 21:00 o domingo
Ademais, a feira contará cun total de 23 expositores e diversas charlas que comezarán o venres á tarde cunha sobre os efectos da alimentación na pel do animal. O sábado e o domingo haberá actividades durante todo o día, desde seminarios de salón de peiteado ata Qué fago se atopo cun animal salvaxe ou Fotografía a túa mascota.
O evento contará con dúas zonas diferenciadas para a realización das charlas, a Zona Chisquelo e a Zona Perdigueiro, e outros dos temas a tratar serán a alimentación canina, primeiros auxilios ou fisioterapia con mascotas. Ademais, haberá talleres sobre hipoterapia e equinoterapia, actividades que tratan sobre terapia asistida con cabalos.
O presidente da Sociedade Canina Galega quixo mostrar o seu agradecemento ao Concello por acoller un evento deste tipo, afirmando que "espero que non quede na primeira edición e siga adiante". Ademais, Fontán puxo en valor a importancia das mascotas, especialmente dos cans, que "son unha parte fundamental na sociedade".
Relacionadas:
-
Diego Álvarez, educador canino: "O olfateo é para os cans como a nosa caña, o noso cine ou o noso paseo en parella"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, punto de encontro para os amantes das mascotas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os cans máis áxiles de Galicia volverán competir en Pontevedra
Por Redacción |
-
Dúas competicións de agility contarán en Pontevedra coa elite canina ibérica
Por Redacción |