
© EFE / Salvador Sas
“Esperanza” entre as familias do Villa de Pitanxo ao localizar o buque Ártabro unha estrutura na zona do naufraxio

Por Natalia Puga
As familias dos 21 mariñeiros falecidos no afundimento do Villa de Pitanxo en Terranova (Canadá) amósanse “esperanzadas” polas últimas novidades da misión de inspección do pecio que efectúa o buque Ártabro da empresa ACSM contratado polo Goberno español.
A portavoz das familias, María José de Pazo, comunicou a última hora deste xoves que desde o buque Ártabro lles fixeron saber que localizaron “una estructura de barco” na zona do naufraxio.
Nos próximos días, o buque baixará ata esa estrutura localizada e poderá comprobarse se é o pecio do Villa de Pitanxo. O robot submarino ('remoted operated vehicle', ROV) vai tomar imaxes do fondo mariño e, unha vez analizadas, poderase ver o nome do barco.
“Las familias estamos esperanzadas”, sinalou De Pazo, que engade que “vemos positivo este hallazgo y estaremos esperando más datos”.
O buque Ártabro de ACSM Shipping chegou o domingo á zona do afundimento, a 250 millas náuticas ao leste de San Xoán de Terranova, e nos últimos días realizou varios percorridos en zigzag en busca dos restos do Pintanxo. Teñen unha área diaria de procura de 25 quilómetros cadrados e a estrutura localizada este xoves é a primeira que atopan.
A misión de inspección do pecio viviu contratempos despois de que o buque partira do porto de Vigo sen todos os peritos a bordo e sen autorización da Audiencia Nacional. O pasado venres, 26 de maio, achegouse ata San Xoán de Terranova para recoller dous peritos que non embarcaran en Galicia, un xudicial e outro de parte. Ao día seguinte, comezou a súa procura.
A baixada ao pecio adxudicouse por 3,45 millóns de euros e axudará á investigación do naufraxio que realizan a Audiencia Nacional e a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM).
A Audiencia Nacional instrúe a causa contra a armadora, Pesquerías Nores, e o patrón do Villa de Pitanxo, Juan Padín, por 21 supostos delitos de homicidio por imprudencia e outros tantos contra a seguridade dos traballadores. E embarcou no Ártrabo dous peritos xudiciais, un de parte designado polas familias, un da CIAIM e outro observador da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA).
Relacionadas:
-
Regresa o Ártabro sen detectar restos dos corpos dos desaparecidos no Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
María José de Pazo, portavoz dos familiares do Villa de Pitanxo, ante a aparición do barco: "é unha noticia moi positiva"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O Ártabro identifica o pecio atopado en Terranova como o Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
A expedición ao Villa de Pitanxo esperará en Terranova aos peritos autorizados polo xuíz
Por Redacción |
-
O xuíz que investiga o naufragio do Villa de Pitanxo pide explicacións ao Goberno por non cumprir as súas ordes
Por Alejandro Espiño |
-
Reaccións contra o goberno de Sánchez polas "irregularidades" na operación para localizar o Villa de Pitanxo
Por Redacción |
-
O Goberno insiste na súa colaboración "sempre que sexa preciso" coa Audiencia Nacional para investigar o naufraxio
Por Natalia Puga |
-
A CIAIM ordenou a partida do barco que baixará ao pecio e prevé o regreso a finais de xuño
Por Natalia Puga |
-
As familias esixen ante o xuíz o regreso do barco que inspeccionará o Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Juan Manuel García Tajes |