Protesta do persoal no Avelino Montero ante o temor de que a Xunta privatice o centro titelar de menores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Persoal do centro tutelar de menores Avelino Montero concentrábase este martes 13 ás portas do recinto como primeira medida para denunciar a decisión da Xunta de Galicia de non cubrir catro prazas de educadores que realizaban as súas tarefas neste espazo de réxime aberto destinado a tratamento de menores por decisión xudicial.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, afirmaba na concentración que agora a Consellería de Política Social e Xuventude está a eliminar postos fundamentais dentro dun equipo de 25 profesionais, doce deles educadores, que traballan no centro pontevedrés.
Temen que, unha vez finalizadas as obras que se acometen no centro, a Xunta traslade a xestión do servizo a unha empresa privada. "A baixada de calidade asistencial será notoria", explica o responsable sindical sinalando que, na actualidade, se o centro ten unha capacidade media ou baixa, o persoal pode ser desprazado para reforzar outros equipos fose do propio recinto, algo que non sucedería no caso de que a xestión fose privada.
Sinalan que a xefatura territorial non atende a postura dos representantes laborais que insisten en que se precisa mesmo máis persoal que o actual. Lembran, ademais, que o perfil profesional do educador é unha figura "imprescindible" para acometer unha correcta atención dos menores que terminan ingresando neste centro. "Está prestando o servizo persoal subalterno e non os educadores especializados", denuncia Dina Porral, do sindicato CIG.
Sinalan que as solicitudes de ingresos atópanse en aumento. "Foron baixando a ocupación coa escusa das obras e derivando a outros centros", indica Porral. A pesar desa decisión, das 14 prazas dispoñibles actualmente, no centro permanecen seis usuarios pero este mesmo martes notificábase que outros cinco menores están pendentes de ingreso por orde xudicial. Estes internamentos supoñerían elevar a ocupación a un 80%.
"Esiximos á Xunta que cambie lestes intereses espurios", afirma Vidal que observa a intención da administración autonómica de "retirar un emprego digno" e pide ao Partido Popular e aos seus representantes na provincia e na cidade que interveñan para que "esta desfeita non vaia adiante".
Este xoves 15, as organizacións sindicais presentarán alegacións ante a Consellería de Política Social sobre a relación de postos de traballo e o persoal do centro espera que se atendan as súas reivindicacións.
Relacionadas:
-
A Xunta sostén no Parlamento de Galicia a súa aposta pola continuidade da xestión pública do Centro Avelino Montero
Por Anxo Lourido |
-
Cuarta concentración de persoal para denunciar o desmantelamento paulatino do centro de menores Avelino Montero
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Nova protesta pola eliminación de educadores no Avelino Montero: "o centro non pode ser un aparcamento de menores"
Por Anxo Lourido |
-
Temen a privatización do Centro de Menores Avelino Montero ao non cubrir catro prazas de educadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UXT sospeita da privatización do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez |