Temen a privatización do Centro de Menores Avelino Montero ao non cubrir catro prazas de educadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O persoal do Centro de Menores Avelino Montero sospeita que, tras as obras que se acometen nas instalacións deste espazo, este servizo que depende da Consellería de Política Social e Xuventude, a xestión pase a mans de unha empresa privada, como xa sucede nos outros tres centros tutelares destas características situados en Galicia.
O detonante deste temor atópase en que a Consellería non cobre as catro prazas de educadores que se xubilaron recentemente no Avelino Montero. Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, denunciaba este luns que actualmente o número de educadores se sitúa en 12 persoas cando deberían ser 16. Afirma que a dotación económica que debería cubrir estas catro prazas está a destinarse a dous equipos multidisciplinares con sede en Vigo nos que se elimina a figura do educador.
Vidal sinala que actualmente o número de menores que utilizan o centro son seis pero, cando as obras finalicen, a capacidade total deste espazo de réxime aberto destinado a menores que deben cumprir medidas xudiciais elevarase a 30. Por este motivo, considera que é necesario que se realicen novos contratos de persoal educador, principalmente atendendo ao 20% de incremento de expedientes que está previsto nos próximos meses de menores que deberán pasar un período nun centro titelar, apuntaba Ramón Vidal.
O representante de UGT incide en que estes profesionais educadores e educadoras realizan un proxecto individualizado de intervención con cada un dos ingresos, acompañados de avaliacións constantes e informes que son trasladados ás autoridades xudiciais co obxectivo da reinserción dos infractores, contando coa intervención doutros servizos.
Desde o sindicato consideran que a Xunta está a realizar a mesma práctica que nos centros de Ourense ou Lugo, cando despois de realizar as obras, estes espazos pasaron a ser xestionados por empresas privadas cunha cantidade económica asignada independentemente do número de menores que precisen cumprir as medidas. En Pontevedra, os traballos de rehabilitación de dúas unidades do centro atópanse, nestes momentos, paralizadas, despois de executar as outras dúas, nunha obra cun orzamento superior ao millón de euros.
Ramón Vidal asegura que a intención de privatizar responde a unha decisión política do Partido Popular e, para amosar a súa oposición, UGT convoca unha concentración para este martes 13, ás 12.00 horas, diante do Avelino Montero. O 15 de xuño está prevista unha reunión coa Subidrección Xeral de Persoal da Consellería de Política Social para tratar a modificación parcial da relación de postos de traballo (RPT).
O sindicato lembra que xa se realizaron intentos desde a Consellería de rebaixar o número de traballadores, con intentos de reducir o persoal de servizos. Na actualidade 25 persoas traballan no Avelino Montero.
Relacionadas:
-
A Xunta sostén no Parlamento de Galicia a súa aposta pola continuidade da xestión pública do Centro Avelino Montero
Por Anxo Lourido |
-
Cuarta concentración de persoal para denunciar o desmantelamento paulatino do centro de menores Avelino Montero
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Nova protesta pola eliminación de educadores no Avelino Montero: "o centro non pode ser un aparcamento de menores"
Por Anxo Lourido |
-
Protesta do persoal no Avelino Montero ante o temor de que a Xunta privatice o centro titelar de menores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UXT sospeita da privatización do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez |
-
Alertan da falta de seguridade no Centro Avelino Montero polos problemas laborais da empresa de vixilancia
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
FTSP-USO denuncia irregularidades na vixilancia do centro de menores Avelino Montero
Por Redacción |