Nova protesta pola eliminación de educadores no Avelino Montero: "o centro non pode ser un aparcamento de menores"
Por Anxo Lourido
Este martes tiña lugar unha nova concentración do persoal do Centro tutelar de menores Avelino Montero como modo de protesta ante a decisión da Xunta de Galicia de eliminar catro postos de educadores.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT e traballador do centro, sinala que esa medida supón ignorar o informe da Fiscalía de Pontevedra onde se recolle que se incrementaron os delitos de menores en máis dun 80% con accións novas que, se antes eran residuais, agora incrementáronse en relación con agresións sexuais.
"Temos que ter un carácter reeducativo e a categoría educativa non debe ser minorada", explica Vidal, quen lembra que, na actualidade, o Centro Avelino Montero se atopa a un 80% da súa capacidade coas unidades das que dispón.
Lembra tamén que a Xunta de Galicia está a remodelar o centro coa primeira fase xa concluída e a segunda paralizada. "Parece unha escusa para non contratar, eliminar postos de traballo e leva camiño da privatización como sucedeu noutros centros", asegura o representante sindical ao lembrar que o centro pontevedrés é o único con carácter público íntegro en Galicia.
María García, de CC.OO., sinala que continuarán coas protestas ata que haxa "noticias favorables" aos seus intereses insistindo en que a función educativa neste centro é individualizada e sinalando que as baixas e permisos non se cobren.
Actualmente estase negociando coa Consellería de Política Social a relación de postos de traballo e os representantes sindicais indican que xa presentaron as alegacións para facer fronte á intención da Xunta de retirar a educadores deste centro creando equipos na xefatura provincial, que tampouco contemplan a figura educativa. "Din que no futuro se contratarán pero coñecemos os futuros da administración e son moi cicateros", sostén Ramón Vidal.
Insisten en que o Centro Avelino Montero "non pode ser un aparcamento de menores ata que son maiores de idade e despois mandalos para A Lama" e avogan por unha reeducación reflexiva e non impositiva para que o traballo educativo sexa efectivo de futuro.
"Temos grandes logros", afirma o representante sindical, "formamos rapaces que agora están nas forzas armadas e de seguridade do Estado", explicou Vidal ao utilizar exemplos de reconversión de mozos que pasaron, anos atrás, polo centro pontevedrés.
Relacionadas:
-
A Xunta sostén no Parlamento de Galicia a súa aposta pola continuidade da xestión pública do Centro Avelino Montero
Por Anxo Lourido |
-
Cuarta concentración de persoal para denunciar o desmantelamento paulatino do centro de menores Avelino Montero
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Protesta do persoal no Avelino Montero ante o temor de que a Xunta privatice o centro titelar de menores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Temen a privatización do Centro de Menores Avelino Montero ao non cubrir catro prazas de educadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UXT sospeita da privatización do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez |