O BNG propón que Carme da Silva sexa senadora por designación autonómica
Por Natalia Puga
A concelleira pontevedresa Carme da Silva, que o pasado domingo se presentaba como cabeza de lista do BNG pola provincia para o Congreso dos Deputados, quedou fóra da Cámara Baixa, pero si que se irá finalmente a Madrid. Será como senadora e non como deputada.
O BNG acaba anunciar que Carme da Silva sexa senadora por designación autonómica, unha representación que lle corresponde ás formación nacionalista en función do resultado das eleccións galegas de 2020, nas que se converteu na segunda forza con 19 escanos no Parlamento.
Segundo a información avanzada polo BNG, será designada senadora no Pleno desta semana e, con ela, o BNG completa a súa representación en Madrid, despois de obter un escano reforzado no Congreso con Néstor Rego como deputado pola provincia da Coruña.
Carme da Silva agradeceu este mércores ao BNG a confianza e avanzou que asume o nomeamento "co máximo compromiso" e "coa intención de dar o mellor de min para facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado".
Sinalou que no BNG somos conscientes de que "é unha Cámara con moitas limitacións", pero van "espremer ao máximo as posibilidades que nos dá o Senado para defender aqueles asuntos que máis lle interesan a Galiza, en todos os ámbitos: nas infraestruturas, no económico, no social".
Carme da Silva subliñou tamén que será un escano de senadora ao servizo dos galegos e das galegas, "para que se me entenda, vou facer xusto o contrario do que fixo o señor Feijóo, que era senador por Galiza pero nunca presentou ningunha proposta ou iniciativa en defensa deste País".
Como senadora elixida polo Parlamento galego vou traballar coa máxima dedicación a favor dos galegos e as galegas, "porque iso é o que fai o BNG en todas as institucións".
Carme da Silva xa foi deputada entre 2005-2009 e en 2012 durante a VIII Lexislatura. Actualmente, é concelleira de Planificación Territorial no Goberno local de Pontevedra.
A nivel interno no partido, responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva nacional e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio, nas que o BNG incrementou a súa representación en 132 concelleiros e concelleiras e pasou a liderar o goberno en 39 concellos.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Carme da Silva toma posesión do seu escano no Senado "en memoria de Alexandre Bóveda"
Por Diego Espiño |
-
Carme da Silva fai entrega en Madrid da súa credencial como Senadora
Por Redacción |
-
O Parlamento galego designa a Carme da Silva como unha dos tres senadores que representarán a Galicia
Por Redacción |
-
23X | Lores lamenta que a suba en votos do BNG "non foi suficiente" para ter deputada por Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
23X | Pontevedra decidiu: o PP gaña en votos pero empata co PSOE en escanos
Por Alejandro Espiño |
-
23X | Carme da Silva (BNG) pide que a xente "se anime" a votar para "decidir o futuro que queremos"
Por Alejandro Espiño |