Indignación en Ponte Sampaio por outro mes sen médico: "En agosto estamos todos sans? Ou é que somos de segunda?"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O consultorio médico da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio leva todo o mes de agosto sen médico. A diario, acode a abrir as instalacións unha enfermeira, pero a atención facultativa non se prestará de novo ata setembro, pois a médica titular ten o seu mes regulamentario de vacacións e o Servizo Galego de Saúde decidiu non substituíla.
A situación, que se repite en centros de saúde de toda Galicia durante o verán, non é nova para os veciños e veciñas desta parroquia de Pontevedra, pois durante o últimos tres veráns xa tiveron deficiencias no servizo ao non cubrirse as ausencias do persoal.
Este verán, con todo, a situación foi a peor, pois en épocas anteriores tiñan servizo polo menos algún día á semana, pero este agosto, nada. "Non pode ser que ano a ano se vaia reducindo. Fai tres anos, tiñamos tres veces á semana. Hai dous anos, dúas veces á semana. Este ano, nada", relatan indignados.
Un grupo de preto de cen veciños e veciñas da parroquia xuntouse este xoves para expresar a PontevedraViva o seu malestar pola situación e insistir en que: "a xente está moi queimada" por esta falta dun servizo público básico.
En declaracións a PontevedraViva, pregúntanse: "Que pasa? No mes de agosto estamos todos sans?". Pois xa é un costume nos últimos veráns que non se cubran as vacacións do persoal. A parroquia está moi contenta coa médica de familia actual do consultorio e entende que "é unha traballadora e ten dereito ás súas vacacións", pero o que non entenden é que non se substitúa.
Así, explican que cando o enfermeiro titular colle vacacións, como ocorre actualmente, si o substitúen e acode outro traballador ou traballadora a cubrir o seu posto de traballo, pero coa médica non sucede iso. Ademais, non só ocorre no verán, senón cada vez que ela ten unha baixa ou un día libre, "como calquera traballador, que ten un dereito ao seu descanso".
Estes veciños e veciñas indignados centran o seu enfado no Servizo Galego de Saúde, ao que reprochan que non lle dan o servizo adecuado. "Teñen que darnos un servizo. Ou somos de segunda?", pregúntanse enfadados.
Lembran, ademais, que durante a pandemia da covid-19 fixéronse obras para adaptar e mellorar o centro de saúde, pero "volvemos á orixe, que non temos médico". De nada sérvelles ter un consultorio en mellor condicións se ninguén o atende.
Esta ausencia de médico aféctalles de forma importante a diario, a pesar de que si está no centro unha administrativa e unha enfermeira. Cando teñen calquera problema de saúde ou urxencia, teñen que acudir ao consultorio, valóranos e, se considera que a situación é grave, derívaos ou a centro Virxe Peregrina ou ao PAC da Parda, ambos en Pontevedra, en función da hora.
Non só teñen que desprazarse ata a cidade para recibir a atención, senón que se atoparon con ocasións nas que os animaron a agardar ao día seguinte para ser atendidos ou mesmo lles receitaron "auga con paracetamol, que agora vale para todo".
As circunstancias son tan variadas como pacientes. Un relata que este mes xa tivo que ir tres veces ao PAC da Parda para picarse para a dor, pois é enfermo crónico. A outro chegaron a dicirlle, cando tiña gran dor porque está pendente dunha prótese de ombreiro e só ten o 40% do óso, "que tente aguantar a mañá". A nai dun paciente foi a urxencias con principio de tromboflebitis e pedíanlle que valorase el se era urxente ou non.
Outra das cuestións que se complica é a renovación de medicación, pois é necesario contactar co servizo de Farmacia do Hospital Montecelo e a unha paciente tardáronlle dúas semanas en facer o trámite.
Non teñen mellor panorama os enfermos de baixa laboral, pois non hai ninguén que llas renova durante un mes enteiro. A un paciente chegaron a renovarlle a baixa no Virxe Peregrina por teléfono.
Relacionadas:
-
O PSOE insta á Xunta a cubrir a baixa da médica no centro de saúde de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG leva ao Parlamento a situación "inadmisible" do centro de saúde de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O Hospital do Salnés estrea unha nova área de esterilización
Por Oskar Viéitez |
-
Apoio do Concello aos veciños de Ponte Sampaio, reclamando ao Sergas médico no consultorio "durante todo o ano"
Por Diego Espiño |
-
Hora e media ás portas do centro de saúde de Ponte Sampaio á espera dunha chave
Por Redacción |
-
Ponte Sampaio queda sen médico no centro sanitario en agosto ata que se atope un suplente
Por Redacción |
-
O centro de saúde de Ponte Sampaio, momentaneamente sen médico á espera do novo titular
Por Redacción |
-
A incorporación dun novo facultativo garante a continuidade da atención primaria en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Rematan as obras no Consultorio de Ponte Sampaio e o Sergas confirma a incorporación do médico este luns 14
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O consultorio médico de Ponte Sampaio estará adaptado ás peticións do Sergas o luns 14 de setembro
Por Anxo Lourido |
-
Poboación de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior reclama un servizo sanitario digno
Por Redacción |
-
Un biombo e unha porta permitirán adaptar o centro de saúde de Ponte Sampaio ao protocolo anti Covid-19 e recuperar a atención médica
Por Natalia Puga |