As aulas volven estar cheas no primeiro día do novo curso escolar
Con moita ilusión, sorrisos e, por que non dicilo tamén, algunha que outra bágoa e caras de sono. Miles de nenos e nenas puxeron fin, máis de dous meses e medio despois, ás vacacións de verán. Este luns tocaba volver ao colexio e reencontrarse cos seus compañeiros.
No caso de Pontevedra, segundo as estatísticas das matrículas formalizadas, haberá 12.765 estudantes nas diferentes etapas educativas. Son 122 menos que o curso pasado.
De todos eles, 1.849 farano en Educación Infantil, 5.062 en Educación Primaria, 92 en Educación Especial, 4.102 na ESO e 1.660 en Bacharelato.
Dentro desta xornada tan especial para alumnos, pais e profesores, o protagonismo mediático foi nesta ocasión para o CEIP Campolongo, o centro elixido este ano polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para dar a benvida ao novo curso.
Alí foi testemuña destas primeira horas de convivencia escolar, chea de presentacións, reencontros e tomas de contacto cos novos titores de cada aula.
Fernández Lores lamentou, iso si, a existencia dun "problema de fondo" en toda a educación galega que crea a caída da natalidade. "A poboación non medra e hai pouco recambio", sinalou, polo que "estamos perdendo alumnos".
Isto evitou que, salvo casos puntuais, quedasen atrás os problemas de masificación das aulas ou que haxa nenos e nenas que queden fóra do centro elixido.
"Xa nos gustaría ter que ceder terreos para facer outro colexio", sinalou o alcalde, que con todo quixo destacar que en Pontevedra "estamos relativamente ben" con respecto a outras cidades onde este descenso do alumnado é moito máis acusado.
O rexedor explicou ademais que durante o verán o Concello realizou as obras de mantemento "absolutamente prioritarias" para que puidese comezar o curso con total normalidade, tarefas que continuarán ata final de ano con outras actuacións menores.
Todo o que necesitan os 22 colexios do municipio, sostivo Lores, "está recollido polos servizos técnicos e a medida que é posible se van facendo". Diso encárganse dúas empresas, unha para a zona norte do municipio e outra para o sur, con contratos de 100.000 euros.
Estas obras, segundo o alcalde, son para tarefas como o pintado de aulas, cambio de cristais, arranxo de calefacción ou "cousas realmente pequenas", xa que os traballos estruturais como novas ventás, o arranxo de tellados ou obras novas corresponden á Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Rueda anuncia un bono deportivo de 120 euros para axudar a familias con fillos federados de entre 6 e 16 anos
Por Redacción |
-
Escuma polos catro custados da Pedreira para festexar o inicio de curso
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Volta ao cole tranquila e sen incidencias en toda a provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Case 13.000 estudantes de Pontevedra volven o luns a clase en Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
Por Alejandro Espiño |