A Xunta licitará este ano o instrumento de ordenación que permitirá impulsar o parque empresarial de Fragamoreira
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia licitará antes de que remate o ano a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Fragamoreira, un instrumento de ordenación que permitirá definir e planificar a creación desta área industrial do concello de Poio.
O PEOSE é un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo este martes unha reunión co alcalde da localidade, Ángel Moldes na que explicou que o futuro polígono está previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg), impulsada polo Goberno galego.
Segundo indicou a vicepresidenta segunda, o polígono industrial proxectado no municipio pontevedrés disporá dunha superficie bruta de preto de 390.000 metros cadrados, dos que o 20% xa foi adquirido por Xestur por máis de 2,5 millóns de euros.
Así mesmo, Ángeles Vázquez puxo en valor tanto a planificación como o investimento que fai cada ano o Goberno galego en materia de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación de bonificacións dun 30% ou dun 50% —dependendo da localización dos parques— sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade.
Esta aposta da Xunta, plasmarase nos orzamentos para o vindeiro exercicio en máis de 40 millóns de euros para executar actuacións en 22 parques galegos. No caso da provincia de Pontevedra, concretamente, está previsto actuar sobre os polígonos de Pontecesures, Lalín, A Estrada, Mos, Ponte Caldelas así como na Plisan, localizada nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves.
Relacionadas:
-
A Xunta inviste preto de 250.000 euros para a redacción do plan estruturante do polígono de Fragamoreira
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PSOE reclámalle a Ángel Moldes "que pida perdón" por ter "bloqueado" durante 15 anos o polígono de Fragamoreira
Por Oskar Viéitez |
-
Poio solicitará a transferencia do polígono de Fragamoreira
Por Oskar Viéitez |
-
Zona Franca ofrece un estudio técnico para impulsar a creación do polígono empresarial de Fragamoreira
Por Redacción |
-
Marga Caldas insta á Xunta a que "saque do caixón" o proxecto do Polígono de Fragamoreira
Por Redacción |