"A súa honra non a pon en perigo a serie senón os seus propios actos", a resposta de 'Fariña' á demanda de Oubiña por "ridiculizalo"
Por Natalia Puga
O Xulgado Mixto número 3 de Vilagarcía deixou visto para sentenza este martes o xuízo civil que enfronta ao histórico narcotraficante Laureano Oubiña con Atresmedia, Netflix e Bambú Producións, ás que pide unha indemnización de 1,5 millóns de euros por vulnerar o seu dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe coa serie Fariña.
Esta demanda supuxo o regreso de Oubiña aos xulgados, neste caso, como demandante, co argumento de que a serie, que segue emitíndose en Netflix, ofrece unha "imaxe falseada e ridiculizada" sobre el que non se corresponde coa realidade, senón que o presenta ante a sociedade "como un verdadeiro monstro".
A serie está presente en 140 países a través de Netflix, pero onde máis repercusión tivo foi en España e, en especial en Galicia, onde alcanzou unha cota de pantalla do 43% cando se emitiu en Atresmedia. Como consecuencia da súa emisión, asegura que lle causou un prexuízo "de carácter moral, social e económico".
A serie, sostén, "ridiculízao a a el e á súa segunda esposa falecida", Esther Lago, e "non reflicte a realidade xudicial e condenatoria", senón que é "unha mera invención perniciosa e negativa da imaxe de Laureano e da súa esposa".
A súa emisión "sen dúbida, aumentou o rexeitamento social cara ao meu cliente pola mala imaxe que se reflicte del, burlándose da súa persoa", e iso reprodúcese tamén na vida real tendo que escoitar burlas relacionadas coa serie e con dificultades para abrir unha conta bancaria, sentar a tomar un café ou vender o seu libro nas feiras ambulantse.
A demanda atopouse de bruzos co rexeitamento da Fiscalía, que pediu ao xuíz que se desestime porque é "claro e evidente" que a serie non vulnerou os dereitos de Oubiña.
O fiscal, ademais, tachou de "totalmente desproporcionada" a solicitude dunha indemnización de 1,5 millóns que fai Oubiña, que neste xuízo está representado polo avogado pontevedrés Jorge Paladino.
O avogado de Bambú non queda na petición de desestimación, como o resto de letrados, senón que "supón un risco e un grave perigo para a liberdade de expresión" e sostén que, se prospera, "faría inviable a produción de todo tipo de series e películas ou a publicación de libros" sobre feitos delituosos.
O avogado cre que se o xuíz de Vilagarcía acepta esta demanda, de aquí en diante, "impediría o xénero do true crime ou a publicación de biografías non autorizadas" se non contan co beneplácito de calquera tipo de delincuente. Sería acudir á "censura" e un "abuso inadmisible" que impediría a liberdade de creación.
A liberdade de creación é o principal argumento da Fiscalía e do resto de partes para pedir que se desestime, pois todos insisten, como dixo Ramón Campos, produtor executivo de Bambú, e un dos guionistas desta serie, en que "é unha serie de ficción inspirada en feitos reais".
No xuízo só declararon dúas persoas, Ramón Campos en nome de Bambú e Atresmedia e Diego Ávalos, vicepresidente de contidos de Netflix en España. Ambos insistiron en que, en cada capítulo da serie, nos créditos, deixouse claro que está "inspirado en feitos reais" e que hai "eventos dramatizados pola ficción".
A serie, producida por Atresmedia Televisión en colaboración con Bambú Producións, está baseada no libro homónimo de Nacho Carretero e narra a historia do narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90, en base a algúns dos seus principais capos, entre eles, Laureano Oubiña, Sito Miñanco ou Manuel Charlín.
Ramón Campos explicou que a serie se basea en "feitos históricos sucedidos en Galicia nos anos 80 e 90" que el, natural de Noia, quixo levar á ficción convencido de que é algo que "hai que contar" para chegar aos máis novos e lembrar á chamada "xeración pedida", miles de persoas que faleceron en Galicia, moitos deles amigos seus, polo consumo de drogas.
"Cando fixen a serie, fíxeno pensando en que non volvese suceder", insistiu Campos, que tamén revelou que Laureano Oubiña, a través dun representante, ofrecéuselle por correo electrónico para que fixese unha serie sobre a súa vida. Fariña estreouse en 2018, ese ofrecemento realizouse en 2019 e a presente demanda presentouse en 2020.
Un dos reproches de Oubiña é que a serie usa o seu propio nome, cando noutros personaxes opta por un de ficción. "Xérase un dano aínda maior, cando na serie utilízase o seu propio nome e apelido, sen tan sequera utilizar un nome de ficción", insiste, pois, desta forma, "a vergoña non só se lle xerou a el persoalmente senón tamén aos seus 10 fillos", oito da súa primeira esposa e dúas da segunda, a falecida Esther Lago, que "levan unha vida independente, traballan, estudan e que, á súa vez, algúns deles son pais con nenos que acoden ao colexio e que sofren as burlas dos seus compañeiros".
NON ÁS ESCENAS DE SEXO
A demanda reprocha, en especial, unha serie de escenas con contido sexual explicito como a que o mostra mantendo relacións con Esther Lago cando irromperon na súa casa para detelo pola operación Nécora, unha na que lle toca o "membro viril" xusto cando chega a súa primeira esposa e un ‘cara a cara’ no cárcere no que el non pode manter relacións pola presión.
O avogado de Bambú asegurou que se trata de escenas íntimas que se trataron "sen ningún tipo de morbo" e que os guionistas consideraron que eran importantes para retratar ao personaxe.
Moléstalle tamén que o relacionen co tráfico de cocaína cando el nunca foi condenado por ese delito, senón só por contrabando de tabaco e tráfico de hachís, ademáis de branqueo, delito fiscal ou atentado á autoridade, pero Ramón Campos insistiu en que "nós non dicimos que o señor Laureano Oubiña trafica con cocaína, senón que foi enganado por Sito Miñanco".
O avogado de Netflix desmontou un por un todos estes reproches e lembrou que o propio demandante identifícase a si mesmo como un narcotraficante no documental "Yo fui un narco" ou nunha canción de rap, 'El puto Coke'.
O avogado de Bambú lémbralle a súa "carreira delituosa deplorable" e que a mala imaxe que ten na sociedade é "unicamente imputable aos actos do autor". "A súa honra non o pon en perigo a serie senón os seus propios actos", aféalle o letrado que engade que o demandante montou "un circo" coa súa propia vida á marxe da serie paseándose por estudios de televisión e difundindo a súa vida en libros e nun videoblog.
INCIDENTE CUN XORNALISTA
Oubiña asistiu á vista oral portando en todo momento un exemplar dun libro da súa autoría. Á súa chegada asegurou estar "perfectamente tranquilo" e, unha vez terminado o xuízo, sinalou aos medios de comunicación: "Nós xa falamos, agora ten que falar a xustiza".
Ademais de indicar que el "non é quen para opinar", protagonizou un enfrontamento cun xornalista da Radio Arousa e Radio Pontevedra da CadeNa Ser, que se situou xusto á beira durante as declaracións. Acusoulle de empuxarlle e de "retelo" porque chocara con el.
Relacionadas:
-
"Fariña" non vulnerou a honra de Laureano Oubiña
Por Redacción |
-
Laureano Oubiña leva a xuízo aos creadores da serie "Fariña"
Por Redacción |
-
Pazo Baión, Vista Real, Casa Jaureguízar... De símbolo do poder dos 'narcos' a estar ao servizo do pobo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Desestiman a demanda de Laureano Oubiña contra Carmen Avendaño
Por Redacción |
-
Laureano Oubiña asegura ao xuíz que Carmen Avendaño vulnerou a súa honra
Por Oskar Viéitez |
-
Laureano Oubiña, detido e posto en liberdade pouco despois en Vilagarcía
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Oubiña, molesto cunha escena da serie "Fariña" planteará accións legais
Por Oskar Viéitez |