Mayra Andrade deixa pegada no seu concerto en Cantos na Maré, que conclúe este domingo con Enredadas
Por Cristina Saiz & Redacción
Mayra Andrade é un referente da música pop africana actual e así o demostrou desde o escenario do Pazo da Cultura nun dos concertos centrais do Festival Cantos na Maré 2019. A artista quedou sorprendida cando tentou expresarse en castelán e o público pontevedrés lle pedíu que falase en criollo caboverdiano, a súa lingua natal.
Durante o seu concerto presentou os temas do seu último traballo, 'Manga', unha combinación de diferentes influencias que se achegan a sons urbanos, ao afrobeat e á música tradicional.
Este domingo conclúe Cantos na Maré con catro concertos e diversas actividades. O Teatro Principal será sede de dúas propostas relacionadas co música jazz. María Joâo mestura avant-garde, electrónica, son sinfónico con jazz moderno. Na súa actuación en Pontevedra estará acompañada polo pianista argenino-brasileiro Pablo Lapidusas. A actuación comezará ás 13.00 horas.
Durante a tarde, ás 18.00 horas, Clara Peya, pianista e compositora, tamén ofrece no Teatro Principal unha viaxe sonora que percorre desde o pop ou a electrónica á música de cámara e o jazz máis sorprendente.
No Sexto Edificio do Museo continuarán as actividades, con entrada libre, durante este domingo. Ás 10.30 horas, Xurxo Souto realizará unha visita pola cidade con saída desde as Ruínas de Santo Domingo. Ás 11.30 horas, desenvolverase un obradoiro infantil de instrumentos antigos para público infantil e ás 12.00 horas, o multidisciplinar Antón Reixa presenta a súa performance 'Melancholemia', unha combinación de poesía escénica, videopoesía e spoken word.
A hora do vermú celebrarase na Praza da Pedreira coa actuación do Coro da Mariña que deixará paso ao Serán Crioulo do Cantos na Maré con música e danza de diversas procedencias. A brasileira Livia Mattos tamén presentará polo centro histórico o seu espectáculo 'Sanfonástica'.
O Festival conclúe co concerto Enredadas ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. Trátase do proxecto musical emprendido por catro mulleres que propoñen a súa particular visión da música: Martirio con jazz flamenco; Uxía e a súa voz tradicional; Carmen París e a súa xota revolucionada e a sempre orixinal poesía de Ugia Pedreira. Subirán ao escenario acompañadas polas artistas brasileiras Livia Mattos e Bia Ferreira e pola mozambicana Assa Matusse.
Toda a programación pode consultarse nesta ligazón: http://cantosnamare.com
Relacionadas:
-
Cantos na Maré deixa Pontevedra tras quince anos e recolócase en Santiago con novo formato
Por Alejandro Espiño |
-
'Enredadas' con Carmen París, Martirio, Uxía e Ugía Pedreira pon fin a Cantos na Maré
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A caboverdiana Mayra Andrade, estrela central nunha xornada ateigada de actividades no Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Bia Ferreira abre este venres o 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Redacción |
-
RADIO.- A mar de cantos volve recalar en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
Antón Reixa, principal estrela dos actos que Cantos na Maré desenvolverá no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido |