Xabier Díaz, Guadi Galego, Grande Amore e Boyanka Kostova suben a bordo do barco do Revenidas
Por Redacción
A experiencia que ofrecerá o festival Revenidas aos seus espectadores vén de completarse coa confirmación de que Xabier Díaz, Guadi Galego, Grande Amore e Boyanka Kostova serán os grandes protagonistas dos seus 'concertos a bordo'.
A eles sumaranse tamén Antía Muíño e Cardalda e Dopico, segundo anunciaron este domingo os organizadores do festival.
Estes 'concertos a bordo' é unha das actividades máis singulares e atractivas para o público. Nesta edición, serán seis os que se celebren: o sábado 10 e o domingo 12 de setembro. Como sempre, a bordo do xeiteiro Chasula e cun aforo máximo de doce persoas.
O prezo da entrada para cada un destes concertos a bordo é de 30 euros, que inclúe unha degustación de produtos do mar e bebida. As entradas poderán obterse a través da web www.revenidas.com a partir do mércores 31 de agosto.
Outra das actividades que forma parte das actuacións de promoción do turismo mariñeiro de Turismo Rías Baixas é Redescubre Vilaxoán.
O cantante e escritor Xurxo Souto, apaixonado e defensor do festival Revenidas e de Vilaxoán, realizará un roteiro musicado polos lugares máis emblemáticos desta vila mariñeira.
O roteiro partirá ás 10:30 horas do sábado 10 de setembro.
Entre estas actividades paralelas, por suposto, figura a sardiñada popular, que foi a que no seu momento deu orixe ao festival. Non en van, en Vilaxoán ás sardiñas asadas chámanlle revenidas. Este ano dará comezo á unha do mediodía do domingo 11 de setembro.
O recinto no que se celebrará, como de costume, será o parque de dona Concha, que ese día estará aberto ao público durante toda a xornada.
Previo á sardiñada haberá animación a cargo da Louband e un espectáculo teatral. Pola tarde, no mesmo lugar, terá lugar a Gala de Circo e despois os concertos de Caamaño & Ameixeiras, Sés e Ortiga. Todas as actuacións serán de balde.
Relacionadas:
-
Máis de 25.000 festivaleiros pasaron polo Revenidas na súa edición máis ampla e concorrida
Por Redacción |
-
Boyanka Kostova pon en pé ao público do Revenidas, que recibirá este xoves a La Pegatina ou Boikot
Por Alejandro Espiño |
-
O Revenidas, ante a súa edición "máis ambiciosa" con Tanxugueiras, La Pegatina ou Zoo
Por Alejandro Espiño |
-
Sés, Ortiga ou Grande Amore completan no Revenidas a "gran festa da música galega"
Por Alejandro Espiño |
-
Boikot, Boyanka Kostova, Gatibu ou SonDaRúa redondean o cartel do Revenidas 2022
Por Redacción |
-
Tanxugueiras e La Pegatina súmanse ao cartel do Revenidas 2022
Por Redacción |