Tanxugueiras, Antía Ameixeiras, Su Garrido, Zeltia Irevire, Sheila Patricia e MJ Pérez nos concertos abordo do Revenidas
Por Redacción
O festival Revenidas completa definitivamente a súa programación dando a coñecer as tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.
A primeira delas celebrarase a partir das 17 horas do xoves 7 de setembro. O músico, escritor e divulgador Xurxo Souto será o encargado de guiar e poñer banda sonora ao roteiro Redescubre Vilaxoán. O itinerario partirá dende o centro sociocultural de Vilaxoán e percorrerá os principais lugares de interese histórico, artístico e etnográfico da vila mariñeira. A participación no roteiro é de balde pero require dunha inscrición previa en www.revenidas.com.
Outras das actividades emblemáticas do Revenidas son os concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do Chasula navegando pola ría de Arousa.
A programación dos conciertos a bordo desta edición é 100% feminina. O sábado 9 haberá concertos de Zeltia Irevire (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Sheila Patricia (15 h) e Antía Ameixeiras (17 h). Os concertos a bordo do domingo 10 correrán por conta de MJ Pérez (13 h), Su Garrido (15 h) e Tanxugueiras (17 h).
O prezo das entradas para os concertos a bordo é de 30 euros (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía.
A venda de entradas para os concertos a bordo e a inscrición para roteiro con Xurxo Souto estarán activas dende as 12.00 horas do venres 1 de setembro.
SARDIÑADA
Sempre se conta, porque esa é a realidade, que o festival Revenidas naceu a partir da sardiñada popular que cada ano se celebraba en Vilaxoán. Non é por tanto de estrañar que esta actividade siga a ser considerada como o epicentro do festival.
A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas desta edición terá lugar o domingo 10 no parque de dona Concha e con entrada libre. A partir das 13:30 horas poderanse degustar as que posiblemente son as mellores sardiñas do mundo.
Os Terribles de Arousa e Louband Street Band animarán as rúas e a contorna do parque xa dende o mediodía, nunha xornada na que tamén actuarán Uxía Lambona e a Banda Molona, na que terá lugar a Gala de Circo Solidaria, unha sesión de La Yaya DJ e o concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria que clausurará o festival.
A asistencia a todas as actividades do domingo é de balde.
Relacionadas:
-
A organización cuantifica en 1,8 millóns de euros o impacto económico do festival Revenidas
Por Oskar Viéitez |
-
Preto de 7.000 persoas escoitarán no Revenidas a Ska-P, Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus e Dakidarría
Por Redacción |
-
Revenidas cumpre 20 anos redobrando a súa aposta polo talento galego, feminino e emerxente
Por Alejandro Espiño |
-
A Gala Solidaria de Circo do Revenidas contará con Peter Punk, Uxía Molona e o Mago Paco
Por Redacción |
-
Panteón Rococó e La Élite completan o cartel do Revenidas 2023
Por Redacción |
-
Revenidas presenta o cartel por días e pon á venda as entradas para cada xornada do festival
Por Redacción |
-
Revenidas redondea o seu cartel con 13 novas confirmacións
Por Redacción |