O Arosa vende cara a súa eliminación na Copa do Rei fronte ao Valencia (0-1)
Por Diego Espiño
Acabou, esta vez si, a aventura do Arosa na Copa do Rei, pero que lle quiten o bailado ao equipo adestrado por Luisito Míguez.
O conxunto arlequinado despediuse do Torneo do K.O. en segunda rolda tras caer este martes contra o Valencia nun Estadio da Lomba vestido de gala para a ocasión.
A ilusión era máxima en Vilagarcía, e tamén nun equipo que repetía o plantexamento do día do Granada, ao apostar o técnico por Raúl Rodríguez en portería e por diante unha liña de tres centrais composta por Pacheco, Martín Sánchez e Nacho Carús; con Santi Figueroa e Cotilla nos carrís; Diego Engamio, Iñaki e Javier Pereira por dentro; e Borja Míguez e Sylla en punta de ataque.
A intención do Arosa era complicar o máximo posible o encontro ao seu rival, consciente da superiordad dun Valencia que vive unha tempada tranquila na Primeira División transitando na novena praza. O equipo adestrado por Rubén Baralla non escapou da responsabilidade levando o peso tras o asubío inicial.
Ao pouco de comezar probouno Sergi Canós cun disparo desde fóra da área que se foi alto, pero foron uns primeiros instantes de tenteo e con poucas chegadas. Foi así ata o minuto 8, e a primeira vez que o cadro visitante pisou área fíxoo para marcar. Roman Yaremchuk cazaba un balón morto tras un rexeite e batía cun disparo seco coa zurda a Raúl entre as protestas da zaga pedindo fóra de xogo.
¡¡GOOOOOOL DE YAREMCHUK!! ¡¡SE ADELANTA EL VALENCIA!!
— RFEF (@rfef) December 5, 2023
Después de un par de rechaces, el delantero ucraniano manda el balón a la red.
@ArosaSCOficial | 0 -1 | @valenciacf | 8'
Minuto a minuto: https://t.co/vv4nW83udX#CopaDelRey | #LaCopaMola pic.twitter.com/TPtOxVy2g2
Foi un xerro de auga fría para o Arosa, pero xa o vivira contra o Granada (aquel día o gol chegou no minuto 19) e despois mantívose na eliminatoria, polo que os lcoales seguiron crendo.
Co marcador a favor o Valencia non pisaba o acelerador, e iso igualaba as forzas sen que se producisen situacións de perigo claro. Desta forma os minutos ían avanzando sen cambios e os arlequinados, moi intensos en labores de contención, mantiñan as súas opcións case intactas, chegando a avisar do seu perigo antes do descanso nun disparo de Borja Míguez que marchou desviado.
Partira e os locais demostrárono na continuación, saíndo xa sen ningún tipo de complexo a por o empate. Rozouno Borja Míguez nunha dobre ocasión no minuto 48 que obrigou a empregarse a fondo a Jaume Domènech. O Arosa metíalle o medo no corpo ao Valencia, demostrábase a si mesmo que o gol podía chegar e facía que a afección da Lomba crese no milagre.
O encontro abríase nunha ida e volta no que Sylla gozaba doutra boa ocasión, cun remate desde fóra da área que saía desviado, pero tamén o Valencia buscaba o segundo nunha acción de Amallah que Raúl desviaba a corner.
O final do encontro íase achegando, o Valencia non era capaz de sentenciar e o equipo de menor categoría non fincaba o xeonllo pelexando por cada balón, crendo nunha xesta moi difícil pero non imposible. Mentres había vida había esperanza e os de Luisito só necesitaban acertar unha. Tívoa a tres minutos de chegar ao 90. Cabalgada de Sylla, parada forzada de Jaume e Mella, a porta baleira, enviaba o balón fóra.
Salvábase o equipo de Primeira División, que entre o empuxe local e os nervios polo resultado empezaba a sufrir e moito para asegurar o pase. Tirouse con todo arriba o Arosa, poñendo a emoción con varios saques de esquina que acabaron en nada.
Unha maneira de caer coas máximas honras e coa cabeza alta, plantando cara a un dos grandes do fútbol español. Así o recoñeceu o público da Lomba cunha ovación merecida. Perdeuse, pero gozouse dunha noite histórica.
AROSA SC (0): Raúl Rodríguez, Pacheco, Martín Sánchez, Nacho Carús, Santi Figueroa, Cotilla, Diego Engamio, Iñaki (Mella, min.75), Javier Pereira (Martín Diz, min.58), Borja Míguez (Rubo, min.84), Sylla.
VALENCIA CF (1): Jaume Domènech, Rubén Iranzo (Thierry Correia, min.82), Jesús Vázquez, Selim Amallah (Javi Guerra, min.87), Diakhaby, Cenk Özkacar, Marco Camus (Ali Fadal, min.71), Hugo Guillamón, Roman Yaremchuk (Alberto Marí, min.82), Pablo González (Fran Pérez, min.71), Sergi Canós.
Árbitro: Isidro Díaz De Mera, auxiliado nas bandas por Santaúrsula Augado e Hernández Ramos (Castela A Mancha). Amoestou a Nacho Carús, Borja Míguez, Mella e Javier Pereira no Arosa e a Yaremchuk e Rubén Iranzo no Valencia.
Goles: 0-1 Roman Yaremchuk (min.8).
Incidencias: Partido de segunda rolda da Copa do Rei disputado no Estadio da Lomba, en Vilagarcía. Realizou o saque de honra a futolista arousá Mari Paz Vilas, internacional coa Selección Española e ex-xogadora do Valencia.
Relacionadas:
-
Empate xusto entre Arteixo e Arosa (1-1)
Por Redacción |
-
Empate amargo do Arosa ante o Alondras
Por Redacción |
-
Luisito, ante o partido de Copa contra o Valencia: "De dez partidos nos gañan nove, pero igual mañá tócanos a nós"
Por Redacción |
-
Valioso triunfo do Arosa fronte á UD Ourense en Vilaxoán (1-0)
Por Redacción |
-
O Arosa publica o prezo das entradas para o partido de Copa contra o Valencia
Por Redacción |
-
O Valencia, un histórico para o Arosa na segunda rolda da Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Competición dálle a razón ao Arosa e estará na segunda rolda da Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Honra arosista na Copa do Rei fronte a un Granada ameazado por unha posible aliñación indebida (0-3)
Por Diego Espiño |