Partidazo e vitoria de prestixio do Pontevedra (1-2) que só sofre ao final en Santander
Por Redacción
Máis de catro décadas tivo que esperar o Pontevedra e a súa afección para volver a un escenario de prestixio como os campos de Sport de El Sardinero. Nunca os granates gañaran alí. A espera foi longa, pero o resultado non puido ser mellor. Primeira vitoria ligueira a domicilio, fronte a un Real Racing Club que só moi ao final fixo sufrir aos de Luisito, superiores en case todos os aspectos do xogo e claros merecedores dos tres puntos.
Dous goles de Pedro García e Verdú puxeron en vantaxe a un Pontevedra que atou de mans ao equipo cántabro ata o punto de que os locais dispararon por primeira vez entre os tres paus para anotar o seu único gol, de penalti, a falta de cinco minutos. Logo, o equipo galego soubo sufrir, aguantando o empuxe final (cinco minutos, máis outros catro de engadido) á desesperada dun Santander despedido con pitos polos seus, mentres os xogadores granates celebraban o triunfo ao grande co pouco máis de medio centener de afeccionados que se desprazaron para apoiarlles e que tiveron o premio de ver un partidazo do seu equipo no mellor escenario posible da categoría.
Dunha plumada o equipo de Luisito terminou cunha xa longa serie de partidos como visitante sen puntuar e sen marcar. Fíxoo no lugar e fronte ao rival máis complicado, pero fíxoo con absoluta xustiza, madurando o partido no primeiro tempo para dominalo con oficio e ambición no segundo.
Porque se a primeira media hora podía dar a sensación de que os granates se conformaban con defender a súa parcela, dando por bo o empate, superada esa barreira os de Luisito crecéronse e foron a por máis. Asentados nunha defensa firme e un centro do campo que dominaba ao seu antollo, o equipo galego soubo pechar as bandas, principal perigo do once de Pedro Munitis, que se viu limitado a buscar un fútbol excesivamente directo, para o que non está preparado, nin conta coas vimbias adecuadas, como único medio de levar o balón á área visitante.
As ocasións, poucas no primeiro tempo, foron visitantes. A primeira e clara tívoa Jacobo (minuto 30). O seu disparo nun primeiro erro do meta Dani Sotres, foise alto. A segunda sería para Borjas (minuto 40) cun remate desde 25 metros, que mandou a corner con apuros o porteiro cántabro. E a terceira (minuto 42) para Jandrín, que disparou frouxo dentro da área, salvando baixo paus Alain.
Mentres todo iso sucedía, o Real Racing non chegou a disparar a porta entre os tres paus, limitándose a exercer un control ficticio na zona ancha.
Ese control pareceu intensificarse nos comezos do segundo tempo, pero o Pontevedra seguía firme nas súas ideas, crecendo tamén no seu convencemento de poder dar a badalada. E fíxoo da forma que poucos podían esperar, a través dun cambio que sería decisivo ao retirar o técnico de Teo a Jacobo, para dar entrada a Pedro García. Parecía un cambio en busca de "músculo" para asegurar o empate, pero converteuse na clave do resultado final.
Avisou primeiro Campillo, cun disparo de volea desde fóra da área (minuto 62) que se estrelou na base do poste, con Dani Sotres batido. Ata que chegou o gol que rompía a seca granate a domicilio. Era o minuto 65. Mouriño centrou un balón perfecto ao primeiro pau e Pedro García apareceu para rematar de cabeza en semi ferro, xunto á base do poste, lonxe do alcance do porteiro. Era o 1-0 e unha vez máis se cumpría o "maleficio do ex", marcando gol Pedro García a un equipo no que militou na tempada 2012/2013.
Lonxe de botarse atrás, o Pontevedra seguiu con ambición, aproveitando o desconcerto local e as primeiras mostras de enfado da bancada, buscando sentenciar o partido. Fíxoo por medio dunha acción de picardía (minuto 79), por medio de Verdú, que viu descolocado a Dani Sotres, e desde 40 metros executou con rapidez unha falta, coando o balón polo centro da portería.
Aínda puido facer máis sangue o equipo galego, pero Borjas non acertou a facer o terceiro (minuto 82), nunha acción só ante o porteiro.
Quedaba aínda tempo para o sufrimento. Campillo derruba a Dioni dentro da área (minuto 85). O claro penalti transfórmao o mesmo Dioni, pese aque Edu estivo a piques de sacar o seu disparo.
O Real Racing foise arriba á desesperada, pero atopouse cun Pontevedra firme, que non lle deu opción algunha, levándose a vitoria con absoluta xustiza.
REAL RACING CLUB (1): Dani Sotres; Francis, Alain (Coulibaly, minuto 81), Míkel, Iñaki; Migue, Fede San Emeterio, Dani Rodríguez (Álvaro Peña, minuto 63), Artiles; Hevia (Isma Cerro, minuto 51) e Dioni.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Adrián, Campillo, Capi, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández; Jandrín (Anxo, minuto 83), Mouriño, Jacobo (Pedro García, minuto 57); e Borjas (Bruno, minuto 88).
Árbitro: César Díez Cano (Castela-León), auxiliado nas bandas por Antonio Rodríguez Pérez e Gorka Mazo Maruri. Amoestou a Míkel, Dani Sotres e Francis, polo conxunto cántabro, e a Adrián, Álex Fernández, Pedro García, Mouriño, Campillo, Borjas e Verdú, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 65: Pedro García. (0-2) Minuto 79: Verdú. (1-2) Minuto 85: Dioni, de penalti.
Incidencias: Campos de Sport de El Sardinero (Santander). Uns 5.000 espectadores. Presenza de medio centenar de seguidores galegos.
Relacionadas:
-
Sarxento Luisito
Por Ramiro Espiño |
-
Mouriño dá a vitoria a un Pontevedra que remonta ao Atlético Astorga (2-1) nunha boa segunda parte
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un rival inédito para continuar a escalada en Pasarón
Por Ramiro Espiño |
-
Fe Seguros, novo patrocinador para a camiseta do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Unha reacción que invita ao optimismo
Por Diego Espiño |
-
Visita granate a El Sardinero 43 anos despois
Por Ramiro Espiño |
-
Mocidade Granate organiza unha viaxe para apoiar o Pontevedra en Santander
Por Redacción |
-
O partido do Pontevedra en Santander poderase seguir a través da internet por 3,95 euros
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra meréndase ao líder Coruxo (3-1) nunha gran segunda parte
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |