Derrota por 'incomparecencia' en León dun indolente Teucro (44-23)
Por Diego Espiño
Dura á vez que merecida derrota a que encaixou este venres a Sociedad Deportiva Teucro na cancha do Ademar León, nun duelo condicionado polas lesións no pontevedreses pero no que renunciaron a calquera posibilidade de pelexar polos puntos en xogo.
Os de Luís Montes practicamente non compareceron sobre a pista do Palacio Municipal dos Deportes de León. É certo que chegaban á cita cun equipo de circunstancias, xa que ás baixas de Quintas ou Cangiani ata final de tempada uníase a de Iván Fernández, mentres que Rial e Santana, aínda que vestidos de curto, non estaban en condicións de participar. Todo iso deixaba paso a varios xogadores do filial xa no sete inicial. Demasiada laxa que se notou sobre todo a nivel defensivo.
Fischer anotou cun lanzamento exterior o 0-1 cando apenas transcorreran uns segundos de partido. Foi a única vantaxe do Teucro. Dous goles rápidos de Vieyra e outro de Simonet tras unha perda de Davor Cutura poñían enseguida o 3-1 no electrónico.
Durante estes instantes Fischer e Cutura tiraban do ataque teucrista para non descolgarse do todo no marcador, pero ante a indolencia no repregamento e na defensa, sumado a algunha que outra perda ofensiva, facían que os locais empezasen a abrir brecha. O ritmo anotador de Ademar era de gol por minuto (9-5), obrigando a Luís Montes a pedir tempo morto. Non funcionou e seguiu a sangría. Chegaban continuos lanzamentos en posicións moi vantaxosas, transicións nas que eran claramente superados e Lloria nada podía facer en portería nunha situación tal.
O técnico teucrista volvía parar o xogo aos 14 minutos, tantos como goles recibiran (14-6). Pese ao parón os locais seguiron ao seu chegando ao descanso cun escandaloso 24-11 ao seu favor. As estatísticas ademais eran rechamantes. Só 3 paradas de 27 lanzamentos (11%) no primeiro tempo dun Lloria que non tiña substitución e que bastante facía ante a falta de defensa, e nin unha sóla exclusión, o que reflectía a pouca intensidade.
Era tal a desvantaxe que o único ao que aspiraban os azuis na segunda metade era a que pasase o tempo e acabase o pesadelo. Rafa Guijosa pola súa banda repartía minutos entre os menos habituais do seu plantel, e nin así a renda decrecía.
Ao ecuador do segundo acto o marcador reflectía un 35-17, e a pesar de que os locais baixaron o seu ritmo no tramo final o resultado definitivo quedou nun demoledor 44-23. Moito terá que mellorar o Teucro, lesionados ao carón, para volver engancharse á pelexa pola permanencia na Liga Asobal.
ADEMAR LEÓN (44): Slavic, Mario López (5, 1p), Simonet (2), Juanín García (4, 1p), Vieyra (6), Jaime Fernández (2), Mosic (4) -siete inicial- Carou (1), Rodrigo Pérez Arce, Ligetvári (2), David Fernández (2), Acacio Marques (3), Gonzalo Pérez Arce (6), Carrillo (3, 1p), Pesic (4), Biosca.
SD TEUCRO (23): Lloria, Cutura (9, 6p), Fischer (8), Bela (1), Diego Prada, Domingo Luis, Sergio Pérez (3) -siete inicial- Poveda (1), Moyano, Rial, Samu Gómez (1), Piovarczk, Samuel Pereiro, Alberto Garrido, Santana.
Árbitros: Goyo Muro San José e José Manuel Iniesta Castillo. Excluíron a Fischer no Teucro.
Marcador cada cinco minutos: 5-2, 9-5, 14-6, 17-9, 22-9, 24-11, descanso, 28-13, 32-15, 35-17, 38-20, 42-22, 44-23.
Incidencias: Partido da vixésima jornada da Liga Asobal disputado no Palacio Municipal dos Deportes de León.
Relacionadas:
-
O Teucro dá a cara pero non consegue evitar a derrota ante o Granollers (24-29)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Teucro, pendente unha vez máis da enfermería ante a visita do Granollers
Por Diego Espiño |
-
Promoción teucrista para os encontros consecutivos ante Granollers e Bidasoa
Por Redacción |
-
Difícil saída a León para un Teucro en cadro polas lesións
Por Diego Espiño |
-
Cisne e Teucro, representados na convocatoria da Selección Española Xuvenil
Por Redacción |
-
O Teucro afúndese ante un Anaitasuna superior en todo (28-32)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |