O Peixe pon un pé na LEB Ouro ao derrotar o Villarrobledo (87-71)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O Peixe, despois da vitoria da pasada semana ante o HLA Alicante, meteu un pé dentro da LEB Ouro. Pero, para facelo completamente, quedaba aínda un difícil reto que superar: dous partidos contra o Villarrobledo, equipo ao que non conseguiron vencer en ningunha ocasión durante os últimos meses. Estes recibiron aos manchegos pensando que, quizá, á terceira podería ir a vencida.
Inicio igualadísimo na Raña. Ambos os conxuntos foron adiantándose constantemente no marcador, sen chegar a ser capaz ningún deles de impoñerse no mesmo e gañar, así, unha vantaxe que decantase o partido cara a un dos dous bandos. Fóra dos primeiros minutos do segundo cuarto, no que os visitantes conseguiron poñerse a seis puntos dos seus rivais, asustando por un momento á bancada local. Non duraría demasiado, xa que, unha vez máis apoiados nun impecable Badmus (20 dos 44 puntos da primeira metade), lograrían manter o ritmo e irse ao descanso cun pequena pero alentadora vantaxe de dous puntos (44-42).
O inicio da segunda metade, exactamente igual que o final da anterior. Os locais conseguiron non só manter a súa renda, senón tamén ir ampliándoa co paso dos minutos (55-49 no ecuador do terceiro cuarto), aínda que non cedían os albanenses, complicando o dominio do cadro de casa. Aínda así, estes últimos chegaron cun 67-56 a favor ao últimos dez minutos de partido.
Neste tipo de encontro, determinante para ambos os equipos, a afección xoga un papel clave. E os marinenses poden dar fe diso. No tramo final, estes terminaron de impoñerse e, aproveitando diversos erros dos visitantes, tanto no plano defensivo como en ataque, metéronse o choque no peto.
Finalmente, vitoria moi merecida para os locais, que, despois de todo, demostraron que á terceira si vai a vencida (87-71).
Con todo, non acaba aquí. Agora toca manter a boa dinámica deste partido (e da tempada en xeral) e preparar o da próxima fin de semana, esta vez, en Albacete, onde seguro que non llo poñerán nada fácil dos de Javi Llorente. O ascenso está en xogo e o Peixe está a só un banzo máis de conseguilo despois dun só ano en LEB Prata.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego ou o triunfo dun proxecto humilde e constante
Por Diego Espiño |
-
Marín celebra que o Peixe xa é de LEB Ouro
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
A emoción do posible ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro, tamén desde a Alameda
Por Redacción |
-
O soño do ascenso para o Peixe Galego, a só dous partidos
Por Diego Espiño |
-
O Peixe segue na loita polo ascenso tras gañar o HLA Alicante na casa (91-86)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Peixe recupérase na segunda parte e gaña ao Basket Azuqueca en Guadalajara (75-81)
Por Sofía Lorenzo |