O Waterpolo Pontevedra vólvese apuntar ao 'teletraballo'
Por Redacción
A maioría de clubs da comarca paralizaron esta semana a súa actividade tras as novas medidas de prevención contra a Covid que suspenden as competicións autonómicas e permiten ao deporte federado adestrar soamente en grupos dun máximo de 4 deportistas e acatando os peches perimetrais e o toque de queda. Só quedan á marxe os equipos que compiten en ligas ou torneos de ámbito estatal.
Non é o caso do Club Waterpolo Pontevedra, polo que tivo que cesar a súa actividade. Iso si, do mesmo xeito que sucedese no confinamento do pasado mes de marzo, non o fará do todo, xa que se apuntará de novo ao 'teletraballo' con sesións de adestramento para realizar en casa a través da plataforma Zoom, co obxectivo de que os seus deportistas poidan manter unha boa condición física.
O Waterpolo Pontevedra era un dos clubs que renunciara a competir esta tempada mentres as cifras da pandemia non mellorasen e se garantise a seguridade, pero si mantiña as súas sesións de adestramento desde o mes de xullo, cun estrito protocolo de seguridade.
"Nestes 6 meses de adestramentos, onde a incerteza pola volta á competición sempre estivo no aire, os e as waterpolistas demostraron o seu gran compromiso co club e co deporte. Non é fácil adestrar sen obxectivos competitivos durante tantos meses, nin afacerse a adestrar sen contacto nun deporte como o waterpolo, nin adaptarse aos numerosos e continuos cambios de horarios, nin ter que conformarse con adestrar só 2 ou 3 días con sesións dunha hora ou mesmo 45 minutos, afeitos a poder adestrar 2 ou 3 horas 5 días á semana antes da aparición do covid-19", explica o club pontevedrés agradecendo o esforzo dos seus pupilos.
Por iso "esperamos que esta pausa nas sesións presenciais sexa breve e pronto podamos volver gozar do noso medio e o noso deporte", conclúe o Waterpolo Pontevedra. Mentres iso non sucede, polo menos quédalles a opción de seguir compartindo os seus exercicios en liña.
Relacionadas:
-
O Waterpolo Pontevedra quere volver 'poñerse a 100'
Por Redacción |
-
O waterpolo pontevedrés, no dique seco
Por Manu Otero |
-
O Waterpolo Pontevedra renuncia "temporalmente" a participar nas ligas galegas
Por Diego Espiño |
-
Álex Andión recarga pilas co CW Pontevedra para afrontar o seu salto á primeira liña do waterpolo continental
Por Manu Otero |
-
O Waterpolo Pontevedra asina un convenio coa Fundación Rías do Sur para adestrar na piscina olímpica
Por Redacción |
-
O Concello ofrécese a colaborar con Rías do Sur "polo ben da natación e o waterpolo"
Por Manu Otero |
-
O Waterpolo Pontevedra céntrase na formación e tecnificación pola ausencia de competicións
Por Manu Otero |