Luisito pide "un último esforzo" a plantel e afección para pechar canto antes a permanencia
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol encara a recta final da tempada recibindo este domingo 9 de maio (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón o Real Sporting B, equipo xa virtualmente descendido.
A falta de tres xornadas os granates teñen na súa man asegurarse a súa presenza a próxima campaña na Segunda RFEF e evitar o temido descenso. Lograrano se vencen nos dous encontros que quedan por xogar en casa, e mesmo poderían conseguilo de vencer ao filial xixonés se acompañan unha serie de resultados, empezando pola derrota do Salamanca CF UDS fronte ao Real Oviedo Vetusta.
"O domingo inmos tentar que se finiquite todo", recoñece Luisito como obxectivo dos seus, dos que "agardo e confío en ver a mellor versión" ante un filial sportinguista "xoga moi ben" e que "vai haber momentos que nos vai facer sufrir porque queren o balón", analiza.
O técnico de Teo pide "un último esforzo" tanto ao seu plantel como unha afección á que roga que "esquezan como foi a tempada, porque precisamos o apoio da xente". Neste sentido Luisito recoñece como "un plus" a presenza dun maior número de afeccionados no campo ao ampliarse o aforo máximo permitido.
Para este partido o adestrador do equipo pontevedrés non poderá contar cos sancionados Churre e Pitu, mentres que Álex González con molestias na zona dos isquiotibiais "está entre algodóns pero creo que vai chegar".
O colexiado do encontro será o canario Gamaliel Escobar López, debutante esta campaña na Segunda B.
Relacionadas:
-
Condenados a sufrir ata a última xornada
Por Diego Espiño |
-
Autorizado un aforo de 3.000 espectadores en Pasarón para os dous últimos partidos da tempada
Por Redacción |
-
Dous partidos de suspensión a Pitu pola súa expulsión fronte ao Covadonga
Por Diego Espiño |
-
Pasarón e o Municipal, preparados para unha ampliación de aforo
Por Diego Espiño |
-
Dous goles de Rufo e un de Borja tomban o Covadonga e permiten respirar ao Pontevedra (0-3)
Por Diego Espiño |