O Pontevedra, superado polo descendido Sporting B, terá que sufrir ata o final (1-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
O Pontevedra terá que seguir sufrindo para evitar o descenso a 3ª RFEF. Os de Luisito podían selar a súa permanencia cunha vitoria se acompañaban os resultados de terceiros. Pero nin o uno nin o outro. O Salamanca derrotou ao Oviedo B e os granates deixaron escapar os tres puntos no desconto despois dunha nefasta segunda parte. Con dúas xornadas por disputar, ao cadro de Pasarón bástalle con derrotal ao filial azulón na última xornada para evitar o descenso, aínda que para facelo terán que mellorar moito o seu rendemento.
Os locais tardaron en tomarlle o pulso a un partido que se lle puxo costa arriba moi pronto. O plantexamento do Sporting B e o seu temperán tanto obrigou a Luisito a modificar o sistema. Cunha defensa de tres, o equipo mellorou, mandou e creou perigo. Rufo fixo as táboas e antes do descanso tiveron varias oportunidades para voltear o marcador.
Non ocorreu e o Pontevedra ofreceu a súa peor versión tras o paso por vestiarios. Incapaces de superar liñas e de dominar o xogo, só contados chispazos de Rufo, Álex González e Damiá levaron perigo á meta de Joel. Pola contra, os visitantes souberon aproveitar a ansiedade dos locais e o espazo ás costas dos seus centrais para meter máis medo no corpo aos granates. Álvaro Cortés evitou o desastre en dúas ocasións, pero unha groseira perda de balón de Imanol ante a presión de Koné no tempo de desconto non puido salvalo o novo gardameta local, que como o resto dos seus compañeiros acabou o partido afundido.
Berto foi o encargado de romper a igualada aos cinco minutos de xogo despois dunha boa parede con Lucas, que o deixou só ante Cortés para batelo con disparo cruzado raso.
Pasou o Pontevedra a defensa de tres, con Imanol incrustado entre Xisco e Pol Bueso, e a balanza do partido comezou a inclinarse cara ao lado local. Santi Figueroa comezou a subir a súa banda con frecuencia e a poñer centros con perigo. Rufo foi capaz de rematar dous destes envíos, aínda que sen atopar portería.
Si que o fixo cando o balón chegou á área desde a banda esquerda. Pol Bueso centrou e o balón atravesou un bosque de pernas ata acabar nas botas do ariete madrileño, que controlou e cruzou ante a saída de Joel para empatar a contenda.
Os granates seguiron percutindo e non se foron con vantaxe ao descanso por centímetros. Álex González avanzou pola dereita, gañou a liña de fondo e puxo un medido pase atrás para chegada de Borja Martínez, que rematou raso de primeiras pero o balón golpeou no pau.
Logo do paso por vestiarios, o drama converteuse nunha película de terror. O Sportong B axustou a presión e o Pontevedra quedou sen recursos para superar ao filial branquivermello. Só a inquebrantable fe de Álex e Rufo permitían soñar aos preto de mil espectadores que se deron en cita en Pasarón coa vitoria. ante a falta de ideas, o Pontevedra tentouno a balón parado pero Joel só tivo que intervir nun par de ocasións. Unha delas de mérito despois dun cabezazo de Jorge Fernández que se dirixía á escuadra.
Necesitaba o Pontevedra a vitoria e descoidou a defensa. Sergio Sánchez viuno e deu entrada aos seus velocistas. Santamaría e Iván Elena plantáronse sós diante da portería rival para apuntillar aos granates, pero alí emerxeu a figura xigante de Álvaro Cortés para rescatar aos seus.
Tres milagres eran demasiados e no minuto 92 non puido facer nada por corrixir o erro de Imanol na saída do balón. O 14 non logrou superar a presión de Koné, que lle roubou a carteira, avanzou só cara ao arco granate e, con calidade, coou o balón entre as pernas de Álvaro Cortés para asestar outra dolorosa derrota nesta tortuosa tempada na que os granates terán que sufrir ata o último minuto.
PONTEVEDRA CF (1): Álvaro Cortés; Santi Figueroa (Aitor Núñez, min 70), Xisco Campos, Pol Bueso, Zabaleta (Jorge Fernández, min. 58), Imanol, Borja Martínez, Damià Sabater, Álex González, Charles (Martín Diz, min. 80), Rufo
SPORTING B (2): Joel; Diego (Trabanco, min. 66), Aspra, Mateo, David, Cote, Pelayo (Tejón, min. 88), Mecerreyes, Lucas (Iván Elena, min. 73), Berto (Kone, min. 66), Santamaría (César, min. 73)
Árbitro: Gamaliel Escobar López, auxiliado nas bandas por Prat Hernández y Sosa Gómez (Las Palmas). Amoestou a Pol Bueso e Borja Martínez polo Pontevedra e a Berto e Iván Elena polo Sporting B
Goles: 0-1 Berto, min. 6; 1-1 Rufo, min.22; 1-2, Koné, min. 92
Incidencias: Partido da sexta xornada da fase pola permanencia na Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón.
Relacionadas:
-
O Pontevedra desperdicia dous goles de vantaxe en Villaviciosa e xogarase o seu futuro na última xornada (2-2)
Por Diego Espiño |
-
Lealtad, primeira de dúas finais para un necesitado Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Charles, entre algodóns antes da 'final' en Villaviciosa
Por Diego Espiño |
-
Adrián Cruz despídese da tempada por unha microrrotura muscular
Por Diego Espiño |
-
Condenados a sufrir ata a última xornada
Por Diego Espiño |
-
Dous goles de Rufo e un de Borja tomban o Covadonga e permiten respirar ao Pontevedra (0-3)
Por Diego Espiño |
-
Empate que sabe a pouco para o Pontevedra en Oviedo (0-0)
Por Diego Espiño |