O Pontevedra desperdicia dous goles de vantaxe en Villaviciosa e xogarase o seu futuro na última xornada (2-2)
Por Diego Espiño
Nin o mellor guionista de suspense podería deseñar unha tempada como a do Pontevedra Club de Fútbol, condenado a xogarse o seu futuro na última xornada recibindo en Pasarón o Real Oviedo Vetusta, outro dos equipos que pelexan por non baixar á Terceira RFEF.
Os granates, vestidos esta vez de celestes, tiñan na súa man deixar practicamente sentenciada a súa presenza na RFEF (ou pechada en función dos resultados dos seus rivais) se vencían o Lealtad. Con todo cando parecía encarrilado o traballo e cun 0-2 no marcador no ecuador do segundo tempo, todo veu unha vez máis abaixo nos instantes decisivos. Como unha semana atrás un tanto no tempo engadido, esta vez nun saque de esquina, cambiou por completo o panorama emborronando un choque ata ese momento bastante correcto.
Luisito retocou varias pezas no once inicial. Con Charles tocado fisicamente aínda que na convocatoria, entrou no seu lugar Oier, mentres que Jorge Fernández acompañaba a Rufo en ataque. Ademais Xisco Campos ocupaba o lateral destro con Churre e Pol Bueso no eixo da defensa de catro.
Comezou ben plantado o Pontevedra, achegándose aos dous minutos por primeira vez con relativo perigo tras un roubo na medular e un balón filtrado de Jorge cara a Rufo, aínda que ao dianteiro se lle quedou atrás o recorte e non puido finalizar con acerto.
Non parecía sufrir en labores defensivos o equipo pontevedrés, ata que chegou un deses erros que custaron caro en máis dunha ocasión esta tempada. Álvaro Cortés tentaba sacar rápido coa man e o seu envío golpeaba en Pol Bueso involuntariamente, deixando franco o disparo a Gabri Salazar. O central, vendo o perigo, interceptaba o disparo coa man coa consecuente amarela. Un mal menor. Pronto se cargarían tres dos catro defensas con amoestación (Churre de maneira incomprensible tras esbarar e Xisco por protestar).
Aínda que levaba a iniciativa, e Álex González probábao de lonxe, non foi no xogo posicional como chegou o 0-1, aos 22 minutos. O Lealtad sacaba unha falta lateral que Rufo despexaba de cabeza. Álex baixaba o balón para Zabaleta lanzando unha rápida transición cun enviou cruzado á carreira de Oier. O extremo recibía, controlaba e vía a chegada do propio Rufo percorrendo todo o campo para cazar o seu centro raso e envialo ao fondo da rede. Un gol que valía oro.
Pouco despois, no 27, e nunha acción a balón parado, puido chegar o segundo, aínda que o remate de Churre tras un rexeite marchouse desviado por moi pouco.
En vantaxe, o Pontevedra cedeu un pouco de iniciativa ao seu rival. Desta forma os de Villaviciosa empezaron a gañar un pouco máis de protagonismo no tramo final do primeiro tempo sen chegar a ameazar seriamente. A súa produción ofensiva limitouse a un disparo afastado de Sandoval ao que respondeu con seguridade Álvaro Cortés.
Tras o paso por vestiarios de novo foron os de Luisito os que empezaron chegando con maior perigo. Rufo rozaba o segundo nun disparo con pouco ángulo, e Álex cazaba un enviou en longo para conectar un chute que desviaba a corner con moitos problemas o gardameta local. Foi un preludio do 0-2. Corría en minuto 61 e o capitán gañaba con profundidade a banza esquerda, poñía un centro por abaixo e Rufo remataba. O balón pegaba no pau pero Oier atento recollía o rebote para marcar.
Podía ser a sentenza, salvo que só 6 minutos despois o Lealtad atopábase cun gol que relanzaba as súas opcións. Centro pasado desde a dereita que non acerta a despexar a defensa, bota na área e Gabri Salazar bate a Álvaro con potencia. Non había opción a relaxarse, tocaba sufrir.
Os asturianos non renunciaban ás súas escasas opcións de permanencia. Necesitaban unha milagre, unha carambola que pasaba primeiro por gañar, e aínda que sen moitas ideas e con máis corazón que claridade deron un paso á fronte. Con todo, fóra dunha parada de Álvaro a disparo de Unai, non se producían ocasións.
Así se chegou ao fatídico tempo de desconto. Era o minuto 91 e nun saque de esquina Maissa aproveitaba un balón solto para, de remate acrobático, facer o empate. Todo un xerro de auga fría. Aínda así Rufo de cabeza no 93 e sobre todo Álex González a 10 segudos do final puideron salvar os mobles. O remate do primeiro foise desviado e o segundo, nunha rápida contra, plantouse só ante Mateusz. Aí estaban os tres puntos, pero o gardameta gañou o man a man deixando ao Pontevedra totalmente conxelado. Haberá que sufrir 90 minutos máis, esperando que a película de suspense non se converta nunha de terror. Polo menos os de Luisito manteñen algo ao seu favor, depender de si mesmos na xornada decisiva.
CD LEALTAD (2): Mateusz, Miguel Obaya, Paul Otia, Jordi Pola (Saha, min.60), Gayoso, Maissa, Álex Iriondo, Kofi Atta (Jorge Sáez, min.60), Unai Hernández, Gabri Salazar, Sandoval.
PONTEVEDRA CF (2): Álvaro Cortés, Xisco Campos, Churre, Pol Bueso, Eneko Zabaleta, Oier Calvillo (Damià Sabater, min.71), Borja Martínez, Imanol, Jorge Fernández (Iñaki, min.65), Álex González, Rufo.
Árbitro: Ekaitz Garcia Arriola, auxiliado en las bandas por Gómez Landazabal y Guijarro Mercado (País Vasco). Amoestu a Paul Otia e a Jordi Pola no Lealtad e a Pol Bueso, Xisco Campos, Imanol, Iñaki e a Churre no Pontevedra.
Goles: 0-1 Rufo, minuto 22; 0-2 Oier Calvillo, minuto 61; 1-2 Gabri Salazar, minuto 67; 2-2 Maissa, minuto 91.
Incidencias: Partido da xornada 7 da fase pola permanencia na Segunda RFEF disputado no campo municipal Les Caleyes de Villaviciosa, con aforo limitado a 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Sufrimento e salvación con goleada final (3-0) para un Pontevedra que evita caer á Terceira RFEF
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Rexeitada unha petición do Oviedo para aprazar o partido do seu filial en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra convoca á súa afección para evitar o desastre
Por Manu Otero |
-
As contas do Pontevedra para salvarse do descenso á Terceira RFEF nunha última xornada de pesadelo
Por Diego Espiño |
-
Lealtad, primeira de dúas finais para un necesitado Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Charles, entre algodóns antes da 'final' en Villaviciosa
Por Diego Espiño |
-
Adrián Cruz despídese da tempada por unha microrrotura muscular
Por Diego Espiño |
-
Condenados a sufrir ata a última xornada
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, superado polo descendido Sporting B, terá que sufrir ata o final (1-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |