O Unión Adarve acaba coa xeira positiva do Pontevedra (2-1)
Por Diego Espiño
Chegou a derrota para o Pontevedra Club de Fútbol cinco xornadas despois, e fíxoo nun campo no que aínda ninguén gañou, o do líder Unión Adarve, nun encontro que estivo de cara para o granates pero que se terminou torcendo na segunda metade encaixando dous tantos a balón parado.
Sobre un céspede artificial no que non circulaba con velocidade o coiro, no frío matinal madrileño que tantas veces atragoouse, os de Ángel Rodríguez intepretaron ben o encontro no seu inicio. Era un día para poñer o mono de traballo, pechar filas para tentar non encaixar e pelexar cada balón coma se fose o último.
O técnico repetiu o once dunha semana atrás, aínda que permutando as posicións de Romay, máis atrasado, e un Brais Abelenda que se posicionou como acompañante de Charles na punta de ataque. Pero o primeiro foi aplicarse en defensa, e é que o Unión Adarve, coa lección moi ben aprendida de como actuar no Vicente del Bosque, apertou ao comezo sobre todo a base de centros laterais, segundas accións e unha presión alta que complicaba a saída pontevedresa.
En só dous minutos os locais xa gozaran de dúas perigosas faltas laterais, e no minuto 4 Channarong cazaba unha pelota solta na área para rematar, pero o seu disparo íase ao lateral da rede tras rozar nun defensor.
Co paso dos minutos o Pontevedra foi gañando presenza, superada a intensidade inicial do Adarve, aínda que estivo preto de en ese momento encaixar nun saque de esquina. Nunha xogada ensaiada o lanzador madrileño púxoa amornada á frontal para a chegada de Portero, que conectou unha dura volea coa zurda directa ao arco, atopando cun toque salvador de cabeza de Churre cando Cacharrón xa non podía facer nada.
Salvada a acción os granates, vestidos nesta ocasión co seu segundo equipamento, empezaron a mostrarse en ataque nunha combinación entre Charles e Romay á que o brasileiro non chegou por pouco, ao adiantarse o gardameta local.
O duelo estabilizouse trasladando a pelexa á zona medular, sen ningún dos dous equipos querendo ceder terreo. Unha igualdade que parecía que ía chegar ao descanso, ata que chegou unha das accións importantes do partido.
Corría o minuto 44 cando Brais cazaba un despexe de Álex González iniciando unha rápida transición e combinando con Charles. O 18 do Pontevedra vía de novo o movemento ao espazo de Abelenda ao interior da área e o ex do Compostela, ante a saída do porteiro e cando o coiro ía marchar por liña de fondo adiantábase forzando o penalti de Parra.
Charles non desaproveitaba a ocasión para poñer o 0-1 con suspense, ao tocar o seu lanzamento polo centro do arco no pé do seteiro antes de coarse no fondo da rede. Gol psicolóxico sen tempo para reaccionar antes do paso por vestiarios.
O máis complicado estaba feito, pero faltaba un mundo, e demostrouno o Unión Adarve cando só transcorreran uns segundos tras a continuación, nun balón colgado mal medido pola defensa que toda Cidoncha ante a saída de Cacharrón estrelando o coiro no traveseiro.
Foi todo un aviso do equipo local, que elevou de novo a súa presión e empezou a crear máis problemas especialmente no balón parado. Así chegaría no minuto 66 o empate, pouco despois de que Charles pedise un novo penalti por empuxón na área o colexiado sinalou os once metros para decretar pena máxima a favor dos locais. A infracción, cuestionada polos pontevedreses, chegou por medio do recentemente ingresado Javi Rey e tras unha posición dubidosa ao pedirse fóra de xogo. Non importaba xa e Montejo poñía o 1-1 no marcador.
Tras o gol puido golpear de novo o Pontevedra nunha boa acción individual de Yelko, pero tras plantarse na frontal e abrirse un oco para o disparo, e con todo a favor, o seu chute marchaba alto.
Non se aproveitou a ocasión e na seguinte xogada chegaría o 2-1 nun saque de esquina, cal copia ao gol que lle valeu o triunfo unha semana atrás ao Pontevedra no desconto, contra o Coruxo. Córner desde a dereita que saca Iker Liaño e remata contundente ao primeiro pau Tellechea para dar a volta ao partido.
Puido chegar incluso o 3-1 de maneira idéntica, con mesmos protagonistas e cos de Ángel Rodríguez sufrindo na defensa de accións a balón parado, aínda que apareceu Cacharrón para manter.
De aí ata o final tentárono os pontevedreses con máis corazón que cabeza, atopándose o bo facer defensivo do líder e a seguridade do o seu porteiro facendo inútil un esforzo que, polo menos, ben merecía ter suposto volver a casa cun punto.
A derrota fai que o Pontevedra vexa como se lle escapa o liderado, que pasa a estar a 7 puntos de distancia.
AD UNIÓN ADARVE (2): Parra, Mayorga, Ramos, Gallardo, Cruz, Salama, Channarong (Quique Sánchez Flores, min.59), Montejo, Portero (Miñambres, min.83), Cidoncha (Tellechea, min.59), Iker.
PONTEVEDRA CF (1): Cacharrón, Seoane, David Soto, Churre, Álex González, Miguel Román, Yelko Pino, Brais Abelenda, Rubio (Oier Calvillo, min.68), Romay (Javi Rey, min.66), Charles.
Árbitro: Pablo Gargantilla Fernández, auxiliado nas bandas por Vaquero Agama e Fuentes Pérez (Estremadura). Amoestou a Montejo, Parra, Tellechea e Cidoncha no Adarve e a Romay, Seoane, Churre e Cacharrón no Pontevedra.
Goles: 0-1 Charles, de penalti (min.44); 1-1 Montejo, de penalti (min.67); 2-1 Tellechea (min.74).
Incidencias: Partido da xornada 10 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Vicente del Bosque de Madrid.
Relacionadas:
-
Dominio estéril do Pontevedra diante dun defensivo Navalcarnero (0-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Ángel Rodríguez quere "que Pasarón para o contrario sexa un inferno"
Por Diego Espiño |
-
"Queremos volver á senda da vitoria sobre todo na casa, para tentar facer de Pasarón un fortín"
Por Diego Espiño |
-
Ángel Rodríguez avisa: "Se hai relaxación, hai saída do once"
Por Manu Otero |
-
Rufo trata de acurtar prazos pero o adestrador asume que o seu regreso tardará, polo menos, tres semanas
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez, a un triunfo de entrar no selecto club dos cinco
Por Manu Otero |
-
Charles, 'de cabeza' á pelexa polo pichichi
Por Diego Espiño |
-
Épica remontada do Pontevedra despois dunha primeira parte terrorífica (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |