Rufo: "Queremos ascender canto antes e quitarnos este marrón de enriba"
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol conta os días e as horas para vivir a súa primeira 'bóla de partido' polo ascenso a Primeira RFEF, algo que sucederá o vindeiro domingo 8 de maio (12.00 horas) en Pasarón cunha espera que "se nos está facendo moi longa", recoñece Rufo.
O dianteiro madrileño pasa por ser un dos futbolistas granates máis en forma no tramo final de curso, con goles decisivos que lle fixeron colocarse con 13 tantos a pesar de perder gran parte da tempada. "A verdade é que non esperaba chegar a tantos goles, pero foron caendo", recoñece a PontevedraViva, aínda que "o que importa é que o equipo vaia primeiro, que ascendamos e o outro queda nunha segunda baza. O importante este ano é que o equipo ascenda e se meta na Primeira RFEF, que o perdemos o ano pasado e non debemos estar onde estamos".
Rufo asegura que "foi un ano psicoloxicamente duro" por ir sempre a remolque na clasificación en busca do liderado que ocupaba o Unión Adarve, pero "a verdade é que o equipo respondeu moi ben e foi forte. Ao final a recompensa chegou e témolo na nosa man".
Tanto é así que só 180 minutos separan ao equipo de poder ascender, aínda que existe certa confianza no plantel de poder logralo sen esperar á última xornada. "Todos pensamos que si", revela o dianteiro coa precaución de que "segundo se está dando o ano e o sufrimento que está a haber, sempre os partidos nos últimos minutos, sempre o Adarve está aí enriba, pois se pensas en frío pódese terminar alongando ata o final aínda que non queiramos", recoñece.
O 'killer' dos pontevedreses imaxínase conseguindo o gol que supoña o salto de categoría, algo que "todo xogador soña", pero iso non lle aparta do verdadeiro obxectivo xa que "o que queremos é ascender canto antes e quitarnos este marrón de enriba, porque ao final queiras ou non irche a Alacante, 15 días alí con dous partidos a vida ou morte...", explica en relación a un hipotético play- off do que se quere escapar como sexa. "Hai que ascender aínda que sexa en propia porta do Salamanca ou que marque calquera. Cumprir o obxectivo é o máis importante".
Para iso será fundamental o apoio da bancada de Pasarón, polo que "espero que a xente saiba da importancia do partido, se envorque, e gocemos todos dunha gran festa", sinala.
En canto ao rival, Rufo sabe que non será tarefa sinxela. "Dependemos de nós, a día de hoxe é gañar nós, pero é verdade que o Salamanca está nun bo momento, a clasificación engana, están a facer partidos bos e hai que ter coidado, sobre todo seguir facéndonos fortes na casa como estamos", analiza. De feito o cadro salmantino "perdendo igual descenden, entón será un partido aberto no que eles teñan que ir gañar e nós tamén, e iso este ano estanos vindo ben, cando veñen os equipos un pouco máis abertos temos a verdade bastante dinamismo arriba e o equipo está a facer dano", prognostica.
O que si xa esqueceu é a súa importante lesión de nocello que lle deixou no dique seco varios meses, un aspecto polo que "me dá rabia un pouco que acabe o ano agora que collín o pico forte de forma", aínda que o seu foco mira xa de esguello cara á Primeira RFEF porque "eu vin aquí, a un club tan grande, con aspiracións a tentar subir máis e mesmo tocar o fútbol profesional co Pontevedra, aínda que me pilla a unha idade máis maior, pero aínda teño esas ganas e esa ilusión. O ano pasado ao final foi un pau duro, agora ímolo a recuperar, logo eu teño dous anos máis e quen sabe", sinala con esperanza un xogador que desde a súa chegada ao club converteuse nun dos ídolos de Pasarón.
Relacionadas:
-
Pasarón festexa o ascenso 'virtual' do Pontevedra tras un sufrido empate contra o Salamanca (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
A afección do Pontevedra arroupa o equipo no adestramento previo ao partido ante o Salamanca
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
A baixa de Charles dá esperanza a un Salamanca que ve o partido "case como unha final"
Por Manu Otero |
-
Ángel Rodríguez: "Gustaríame que Pasarón estivese cheo e que a afección sexa ese xogador número 12"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra e o Cisne, xuntos no seu obxectivo de ascender
Por Diego Espiño |
-
Competición rexeita o recurso pola amarela de Charles, que será baixa ante o Salamanca
Por Diego Espiño |
-
Siareirxs Granates empapela a cidade cunha mensaxe: "Este domingo enchamos Pasarón"
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Prezos populares e invitacións a socios e deportistas federados para "o último baile" do Pontevedra polo ascenso
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recorre a tarxeta amarela vista por Charles contra o Ceares
Por Diego Espiño |
-
As contas do Pontevedra para saír campión, con dúas opcións e dependendo de si mesmo
Por Diego Espiño |
-
Charles saca dun problema o Pontevedra no 87 na casa do descendido Ceares (1-3)
Por Diego Espiño |