Álvaro Cortés: "Hai que ter tranquilidade, cremos que as cousas van ir saíndo"
Por Diego Espiño
É a súa terceira tempada en Pontevedra, con altibaixos e alternancias entre a suplencia e a titularidade ata que, finalmente, parece que se consolidou como o gardián da portería granate. Álvaro Cortés encadea oito titularidades e recuperou o sorriso, aínda que a súa felicidade non é aínda plena ante uns resultados que non terminan de chegar a nivel colectivo.
"O ano pasado aínda que non xogase grazas a todos os meus compañeiros sentín moi partícipe do ascenso, sentín moi a gusto pero ao final todos queremos xogar. Foi un dos anos máis bonitos da miña vida polo ascenso pero é verdade que foi un pouco complicado para min, e agora este ano estou a volver a gozar de xogar, de minutos, que é o que máis feliz nos fai a todos", explica o madrileño, que esta semana arrastra molestias musculares pero que estará ao dispor do técnico. "Terminei o partido un pouco cargado, adoito sufrir un pouco de isquios e fixen probas para descartar máis que nada, pero é unha sobrecarga normal", revela.
Agora só falta empezar a gañar, pero o gardameta pide un voto de confianza no equipo: "Hai que ter tranquilidade porque cremos que as cousas van ir saíndo aos poucos. Estou seguro que en canto chegue unha vitoria fóra creo que o equipo vai coller ese plus que necesita", defende esperando que ese triunfo chegue xa o vindeiro sábado en León.
"A Cultu é moi bo equipo, moi bo club, pero creo que o Pontevedra tamén. Temos que centrarnos en nós, en aproveitar as ocasións que teñamos e en sacar as nosas visrtudes", analiza Cortés.
Entre os obxectivos estará deixar a súa portería a cero, algo que só se logrou dúas veces esta tempada. "É en algo no que o equipo está a traballar", asegura tamén pensando nos detalles que lle faltan ao Pontevedra para despegar. "Creo que nos falta un pelín, de terminar as xogadas, chegamos ben e fácil a tres cuartos de campo, creo que en moitos aspectos e momento do partido somos superiores ao rival e é verdade que nos está faltando atopar o último pase ou a finalización para poñernos por diante no marcador, pero creo que é un momento que vai chegar vendo o equipo como o vexo todas as semanas adestrando, a confianza de todos, e oxalá sexa xa esta fin de semana", gabia.
A confianza de Álvaro Cortés nos seus compañeiros é tal que ademais de defender que "o vestiario está super unido", sinala que "temos confianza plena entre todos e aínda que sabemos que non é unha liga fácil, creo que temos equipo máis que suficiente para pelexar polo obxectivo como pouco". Nas súas mans está poder facelo realidade.
Relacionadas:
-
O balón parado condena a un Pontevedra falto de ideas en León (2-0)
Por Almu Dapena |
-
O Reino de León, un escenario que se lle resiste ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra busca en León "afastar pantasmas" contra un equipo que nunca empata
Por Manu Otero |
-
Samu Araújo, único futbolista a menor ritmo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Derik Osede, un máis no día a día do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un adestramento á vista de centos de escolares
Por Diego Espiño |
-
Viaxe organizada por 45 euros para acompañar o Pontevedra a León
Por Redacción |
-
Antonio Fernández busca o seu once: oito xornadas con oito aliñacións diferentes
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra salva un punto 'in extremis' ante un superior Celta B (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |