Jose Autrán regala unha vitoria ao Froiz na primeira fin de semana de competición
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz empezou a tempada da mellor maneira posible, cunha vitoria. O escalador José Autran proclamouse gañador do Memorial Santisteban celebrado este domingo na localidade cántabra de Colindres.
O corredor chileno foi un dos 19 integrantes da escapada que se formou na primeira subida da carreira aos portos de Alisas e o Alto de Asón. Houbo antes varios intentos para formar unha fuga que non fraguaran.
E nese selecto grupo as hostilidades tampouco cesaron. Autrán e Esparza, do grupo Eulen, mantiveron un intenso man a man que acabaría resolvéndose a escasos metros da liña de meta en favor do ciclista alimenticio. Ambos saltaran do grupo principal xunto con outros cinco corredores que ían disputarse a vitoria.
A 30 quilómetros para o final coas ramplas de Seña como testemuña, Gálvez e Esparza atacaron. Uns quilómetros despois responderon Zubeldia e Autran, que contactaron co dúo de cabeza para formar o cuarteto definitivo que loitaría por unha vitoria que acabaría levándose o ciclista chileno, que arrincou a 300 metros de meta sen que os seus perseguidores puidesen darlle caza.
"Foi unha etapa durísima cun porto de saída. Froiz mantivo un forte bloque, en especial con Autran e Alejandro Luna, quen caeu baixando un porto pero puido recuperarse e manterse con Autran no grupo favorito de escaladores", explican desde o club como se xestou a vitoria. Na xornada do sábado, Luna e Autran volveron ser os máis destacados ao asinar un décimo cuarto e un vixésimo primeiro posto, respectivamente.
Relacionadas:
-
Rojas e Rodríguez levan ao Supermercados Froiz ao segundo posto de equipos non profesionais en Portugal
Por Redacción |
-
Sen rastro das catro bicicletas roubadas ao Supermercados Froiz
Por Manu Otero |
-
O Supermercados Froiz denuncia o roubo de catro bicicletas en Toledo
Por Redacción |
-
O ciclismo de máis alto nivel volve ás Rías Baixas 18 meses despois
Por Manu Otero & Álvaro Arosa Barco |
-
Un renovado Supermercados Froiz fía a súa sorte á "fortaleza do bloque" ante unha nova tempada
Por Manu Otero & Mónica Patxot |