Bo partido sen premio dun gran Pontevedra na súa visita ao líder Alcorcón (1-0)
Por Ramiro Espiño
Segue o Pontevedra coa súa "maldición" madrileña e novamente regresa de baleiro da capital de España, tras caer pola mínima en Alcorcón, nun partido no que os granates mereceron polo menos o empate, tuteando ao líder, pero pagaron un grave erro na marca defensiva de David Soto, permitindo un remate cómodo de Dalmau.
A derrota, lóxica, non embaza a boa imaxe do equipo de Juan Señor, que mantén as súas opcións e deberá seguir loitando pola permanencia nas seguintes xornadas, nas que terá varios enfrontamentos contra rivais directos.
Á marxe do resultado, a outra noticia da xornada estivo no regreso ao campo de Libasse Guèye, que volveu dispoñer de minutos coa camiseta granate, aínda que non interveu no xogo, pasando absolutamente desapercibido.
Case 13 anos despois, o Pontevedra volvía ao "escenario do crime", onde un árbitro de nome Figueroa Vázquez, enterrou coas súas polémicas e desacertadas decisións, as esperanzas do equipo entón adestrado por Pablo Alfaro, dando paso entre bágoas dos asistentes a un período que levou a ameazar seriamente a supervivencia do club. Desde entón, o colexiado chegou á Primeira División, onde aínda segue, e o conxunto oleiro a gozar da categoría de prata, que agora aspira a recuperar, durante 12 tempadas.
Santo Domingo non é un campo do que os granates garden por iso o mellor dos recordos e na mañá deste domingo, ambos os equipos reencontrábanse con obxectivos ben dispares: os madrileños, manter o liderado e os galegos escapar dos postos de descenso.
Sen as súas dúas referencias rematadoras (Charles e Rufo), Juan Señor optou por situar como dianteiro en punta a Brais Abelenda e sorprendentemente, os primeiros minutos ofreceron a un equipo granate que apostou por ter o balón e movelo con criterio. Así chegaba a primeira aproximación perigosa, cun centro de Seoane, tras gañar a liña de fondo, que atrapou con seguridade Jesús Ruiz, antes de que puidese intervir Brais Abelenda, que acudía ao remate.
Respondeu o equipo local cun primeiro aviso en forma de remate de cabeza alto de Ernesto, aproveitando que o Pontevedra atopábase cun menos por lesión momentánea de Churre, uns minutos que non sentaron ben aos visitantes, desorientados por un escenario no que de novo Churre e logo Brais Abelenda, recibiron senllos "recados" dos seus rivais que lles levaron ao chan, doídos, sen que o colexiado decidise intervir.
Con ambos os equipos priorizando non cometer erros antes que asumir riscos para buscar a portería contraria, o Alcorcón comezou a ter máis o balón, pero a pesar diso chegaría a mellor oportunidade granate da primeira parte, no minuto 28, tras unha excelente acción de Miguel Román, que habilitou ás costas da defensa amarela para Álex González, pero o disparo raso e cruzado do capitán visitante conseguiu desvialo á esquina Jesús Ruiz.
Aos poucos o conxunto local ía gañando metros, pero o Pontevedra non perdía a cara, ben posicionado defensivamente e movendo o balón con criterio cando tiña a posesión, pero freado con frecuencia polas reiteradas faltas cometidas polos amarelos, sancionadas polo colexiado, pero non castigadas disciplinariamente nunha labor arbitral correcta pero demasiado permisiva.
Sen nada máis reseñable chegouse ao descanso cun último disparo de Borja Domínguez, taponado pola defensa madrileña na frontal da área, para pechar unha primeira parte na que o equipo de Juan Señor deixou unha excelente imaxe, anulando as moitas virtudes do líder, sen sufrir en exceso.
A segunda parte comezou con susto para os visitantes, que de entrada víanse oblligados a realizar un primeiro cambio, dando entrada a Derik por un Churre con molestias tras o golpe recibido nos primeiros minutos de partido. Así avisaba de novo o Alcorcón antes de cumprirse o primeiro minuto da continuación, obrigando a Cortés a sacar unha boa man, abaixo, para evitar o gol. Á saída do corner concedido, de novo o Alcorcón puido marcar, pero Seoane estivo providencial, tapando o remate de Ernesto.
Foi como unha mostra do que viría a continuación. O Alcorcón fíxose dono do partido e ao Pontevedra custáballe moito máis non xa chegar a posicións ofensivas, senón capear o temporal de chegadas constantes dos madrileños.
Consciente de que se perdera o control do partido, Juan Señor moveu ficha, dando entrada a Álex Masogo por un desaparecido Alberto Rubio e nada máis efectuarse o cambio, ao subir a liña de presión os granates atoparon a mellor ocasión do partido (minuto 63), nun despexe defectuoso de Jesús Ruiz que deixou a Ángel Bastos só, pero o seu remate tapouno o porteiro local, que conseguiu mandar o balón a coner, emendando o seu erro anterior.
E como adoita suceder no fútbol, tras perdoar o Pontevedra non o fixo o Alcorcón. Víctor García puxo un gran centro desde a dereita que Dalmau rematou de cabeza incriblemente só ao bordo da área pequena, aproveitándose de que David Soto perdera a marca defensiva, para poñer o marcador favorable a un cadro local que cos cambios puxera toda a súa artillería atacante, que é moita, sobre o perfecto tapete de Santo Domingo.
Puido empatar o Pontevedra (minuto 73), nun disparo de Miguel Román desde a frontal, que de novo Jesús Ruiz neutralizou cunha boa estirada, mandando o balón a corner.
Os últimos 15 minutos ofreceron a un Alcorcón que decidiu "gardar a roupa", dando un paso atrás, cedendo o balón ao Pontevedra e tentando buscar unha contra para sentenciar. Acazapados, os madrileños non tiveron reparos en permitir unha circulación lenta dos visitantes, que o tentaron cun último movemento no banco, dando entrada ao dianteiro do filial, Víctor Casáis e a un Libasse Guèye que volvía vestir a camiseta granate despois da súa "espantada" do Nadal, nunha decisión máis produto da necesidade que da conveniencia ou o desexo de moitos, aínda que non chegou a tocar sequera o balón na súa curta permanencia no terreo de xogo.
Sobre a bucina tívoa Víctor Casáis, pero o seu remate, moi forzado, parouno o meta local. O Pontevedra tivo máis posesión, pero o Alcorcón (que realizou o dobre de faltas,16 a 8) aproveitou un fallo de marcaxe para quedar cos tres puntos nun partido no que o máis xusto sería o empate.
A.D. ALCORCÓN (1): Jesús Ruiz, Castro, Morillas, Mosquera, Babin, Chiki (Pablo García, minuto 77), Álex López (Moyano, minuto 58), Javi Lara (Álvaro Bustos, minuto 66), Víctor García, Ernesto (Dalmau, minuto 58) e Addai (Ribelles, minuto 77).
PONTEVEDRA CF (0): Cortés, Ángel Bastos, Churre (Derik, minuto 46), Miguel Román, David Soto, Álex González, Brais Abelenda (Víctor Casáis, minuto 83), Alberto Rubio (Álex Masogo, minuto 62), Borja Domínguez (Bakero, minuto 71), Seoane e Javi Robles (Guèye, minuto 83).
Árbitro: Ortega Herrera (Valencia). Amoestou a Addai no Alcorcón e a Churre e Borja Domínguez no Pontevedra.
Goles: 1-0, Dalmau, min. 68.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 31 do Grupo I de Primeira Federación disputado no campo de Santo Domingo (Alcorcón).
Relacionadas:
-
Derrota en San Fernando dun Pontevedra abocado ao descenso salvo milagre (4-2)
Por Almu Dapena |
-
Yelko entra na convocatoria para medirse ao Mérida, pero non Rufo: "É o único que imos preservar"
Por Diego Espiño |
-
Churre e Masogo, novos inquilinos da enfermería granate
Por Diego Espiño |
-
Promocións para o Pontevedra-Mérida con entradas de balde e a metade de prezo para socios
Por Redacción |
-
Señor: "Tivemos ao Alcorcón contra as cordas pero faltounos resolución"
Por Redacción |
-
Señor, ante as baixas en ataque fronte o Alcorcón: "Ao non ter un 9 puro iremos a pola vitoria con outras armas"
Por Redacción |
-
A carreira pola permanencia ponse moi quente
Por Manu Otero |
-
Juan Señor: "Non hai finais, dependemos de nós"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Álex González coroa a vitoria do Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |