Na presentación de Irene Vilaboa como adestradora da Sociedad Deportiva Teucro o director deportivo do club, Milucho Pintos, sinalou a necesidade de dar un cambio ao modelo deportivo ao entender que "deberiamos nutrirnos de xogadores da canteira e de máis xogadores galegos".
Esa decisión vaise traducir esta campaña, empuxados tamén pola redución orzamentaria, nunha maior presenza de xogadores da casa e do filial que o curso pasado militaba na Primeira Nacional.
Neste último perfil encaixa David Rey, canteirán teucrista ata o de agora con ficha no segundo equipo que foi confirmado este martes a todos os efectos como xogador do plantel de División de Honra Prata.
Será o primeiro pero non o último xogador que do salto ao primeiro equipo. No seu caso, o lateral esquerdo iniciouse no Teucro en categoría alevín completando todas as idades de formación ata chegar ao filial, marchando como cedido ao Chapela de Primeira Nacional na 18/19.
Na tempada recentemente finalizada, de regreso ao Municipal pontevedrés, Rey compaxinou adestramentos e partidos en Prata e en Primeira Nacional, aínda que con ficha no segundo equipo.
"Achegará ao equipo lanzamento exterior e reforzará as tarefas defensivas", sinalan sobre el desde o club azul.
Pola súa banda o xogador asegura que "renovo no Teucro porque síntome moi cómodo e é o club da miña vida. Ilusióname o proxecto que queren sacar este ano", ao que se suma a súa intención de "achegar o meu máximo ao equipo".
Co canteirán son xa seis os xogadores confirmados para o próximo proxecto teucrista, xunto a Samuel Pereiro, Marko Dzokic, Caüe Herrera e os fichados Miguel Sío e Víctor Deco.