Lores marca como obxectivo a medio prazo "avanzar cara ao Campionato do Mundo Absoluto" de loitas olímpicas

Pontevedra
07 de outubro 2021

Así o asegurou o alcalde este xoves nunha recepción ao equipo nacional de loita feminina concentrado estes días no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A Boa Vila será sede en 2022 do Mundial Sub-23, un evento que "espero que sexa un éxito, pero seguiremos apostando", confirmou Lores

Recepción municipal ao equipo nacional feminino de loita Mónica Patxot

A loita olímpica é un dos deportes polos que o Concello de Pontevedra apostou con maior forza dentro da súa folla de roteiro de acoller eventos deportivos de relevancia na cidade.

A Boa Vila foi escenario nos últimos anos, antes da irrupción da pandemia, de varios campionatos de España e tamén do Europeo Júnior de 2019, ao que se suma o Campionato do Mundo Sub-23 que se celebrará no mes de outubro de 2022. Pero non queda aí a cousa, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou que "tentaremos avanzar cara ao Campionato do Mundo Absoluto".

É o obxectivo a medio prazo, tal e como recoñeceu este xoves nunha recepción ao equipo nacional de loita feminina que permanece estes días concentrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, coa local Lydia Pérez como unha das súas deportistas máis destacadas.

O Mundial Sub-23 "esperemos que sexa un éxito, pero seguiremos apostando", reiterou Lores, aínda que para iso "temos que facer os deberes un pouco antes porque hai que mellorar algunha instalación deportiva para poder acoller con certa garantía un Campionato do Mundo", explicou en relación ao proxectado pavillón deportivo da Parda xa que "necesitamos ampliar as instalacións para acoller máis xente pero sobre todo máis pista, para tatamis de judo, de taekwondo, máis altura para a ximnasia...".

Ademais do alcalde e as deportistas, estiveron presentes na recepción o concelleiro de deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal; o director técnico federativo, Pablo Pintos; e as seleccionadoras nacionais.

Na súa intervención Olazábal quixo agradecer ao goberno local por "o apoio en todo o que queremos facer, tanto competicións nacionais como internacionais".